O Entroido de 2023, "o máis esperado dos últimos anos" en Pontevedra

Pontevedra
08 de febreiro 2023

A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou este mércores a programación do Entroido de Pontevedra como "o máis esperado dos últimos anos". Por primeira vez desde o 2020, a festividade volve contar con toda a súa actividade libre das restricións impostas os últimos anos por mor da pandemia. 

A concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación do Entroido 2023

A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou este mércores a programación do Entroido de Pontevedra como "o máis esperado dos últimos anos". Por primeira vez desde o 2020, a festividade volve contar con toda a súa actividade libre das restricións impostas os últimos anos por mor da pandemia. 

"Chega unha das datas máis agardadas e fermosas para toda esa xente que goza da troula, o ocio e todo o que significa o Entroido. Poderemos celebralo como ten que ser: achegándonos, gozando e padecendo cun sorriso as bromas propias destas datas". Con esta afirmación comezaba a edil a rolda de prensa na que presentaba a programación desta nova edición do Entroido, cuxa duración será do 17 ao 25 de febreiro.

Con todo, a festividade contará cun anticipo este sábado 11 coa celebración dun pasacalles ás 17 horas por parte dosFollateiros de Lobios, no marco da intención de dar a coñecer entroidos tradicionais que se celebran noutros puntos do país, aproximando parte da súa riqueza etnográfica ata a cidade.

O cartel deste 2023 volveu ser obra, por segundo ano consecutivo, do artista e ilustrador pontevedrés Santiago Paredes, e amosa a un loro Ravachol interacturar co Rei Urco, dous símbolos clásicos e máis que coñecidos do Entroido local.

O venres 17 ás 21:00 horas terá lugar o clásico pregón que dará inicio de maneira oficial ao Entroido. A agrupación Os do Pino, que participa activamente nesta e outras festividades locais como a Feira Franca, será a encargada de ler o pregón.

A concelleira agradecía encarecidamente que sexan o grupo que dea a entrada a "este Entroido tan esperado por todas aquelas comparsas, grupos e persoas que participan cada ano".

O sábado 18 ás 17:00 horas comeza un dos eventos máis esperados, o desfile de Entroido. Sairá, como é habitual, de José Malvar, pasando polas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Praza de España e rúa da Alameda. Unha vez concluído, farase a entrega de premios do concurso de disfraces en cada unha das súas modalidades na Praza da Ferrería ao redor das 20 horas

Os premios terán a mesma contía que os anos anteriores, sendo a única diferenza no que respecta ás comparsas. Nesta categoría cambiará a repartición dos premios para que as oito comparsas participantes teñan unha compensación económica, que variará dependendo do posto no que queden. 

O luns 20 presentarase ao Loro Ravachol ás 19:30 horas na Praza da Peregrina, lugar onde se manterá exposto se as condicións climatolóxicas o permiten. Ás 21:00 no Pazo da Cultura levarase a cabo a primeira eliminatoria do XXXI Concurso de Murgas.

O martes 21 será outro dos grandes días do Entroido lerezano, con diversas celebracións relacionadas coDía Pirata. Comezarán ás 17:00 na Praza da Ferrería coa sesión infantil e varios DJ, para posteriormente celebrar o desembarco da tripulación do Burla Negrano centro histórico. Este ano o horario adiantouse ás 20:00 horas para que o público infantil poida asistir ao acto, tal e como explicaba Carme da Silva.

O mércores 22 levarán a cabo multitude de actos relacionados coa festividade, como o Entroido tradicional de Campañó ou unha festa infantil no centro cultural de Monte Porreiro. Para pechar o día, terá lugar a segunda eliminatoria do Concurso de Murgas ás 21:00 no Pazo da Cultura, cuxa final será o día seguinte, xoves 23, á mesma hora e no mesmo lugar. 

O penúltimo día de celebracións será o venres 24, co atractivo da XXVI Mostra da Parodia do Entroido ás 22:30 horas. Poderase gozar nas diversas rúas e prazas da cidade, e a entrega de premios comezará á 01:00 na Praza da Ferrería.

Para acabar con esta edición do Entroido de Pontevedra 2023, faranse diversos actos ao longo do sábado 25, entre os que a concelleira destacaba a sesión vermú na Praza da Verdura. Nesta ocasión, os alí presentes poderán volver gozar das Murgas (Murga PTV, Murga Os do Val do Lérez, Murga equipo Ja e Murga do Naveiro).

O día terminará co velorio do Loro Ravachol, que comezará ás 18:00 horas na Praza da Verdura. Ás 21:00 sairá o cortexo fúnebre cara á Praza da Ferrería, lugar onde se procederá á incineración do defunto. Por último, Da Silva quería destacar a celebración dasXI Xornadas sobre o Entroido de Galiza. As xornadas realizaranse os días 24 e 25 de febreiro no antigo Convento de Santa Clara.