O entroido da Lama substitúe as comparsas polas murgas

A Lama
02 de marzo 2022

A Murga do Naveiro, Os do Val do Lérez e Equipo Ja porán a música e o bo humor no entroido lamense que volverá a homenaxear ao Conde Cabanelas o venres 4 de marzo a partir das 20:30 horas

David Carrera e Jorge Canda Concello da Lama

As murgas tomarán este venres a partir das 20:30 horas a Alameda da Lama en substitución das comparsas que forman parte do entroido da Lama. 

A Murga do Naveiro, Os do Val do Lérez e Equipo Ja serán as encargadas de poñer a nota musical e de humor no carnaval lamense que volverá a homenaxear ao Conde Cabanelas, emigrante de Covelo promotor da saída á rúa do mítico Carnaval de Río de Janeiro, na entrega de premios aos mellores disfraces individuais,  infantil, parellas e grupos.

Ante a imposibilidade de poder contar este ano con comparsas, o Concello da Lama modificou o seu formato habitual de entroido. Así, a festa deste venres 4 de marzo arrancará a partir das 18 horas co entroido infantil amenizado polo grupo Os Ilusionistas, de Ponte Caldelas que dinamizará a tarde con xogos, cancións e actividades.

A partir das 20:30 horas terá lugar o Festival de murgas protagonizado pola Murga do Naveiro, Os do Val do Lérez e Equipo Ja, grupos moi coñecidos e habituais do entroido pontevedrés.

Despois da intervención das murgas, as persoas que se acheguen ata a Alameda da Lama poderán degustar unha gran chocolatada con churros gratuíta e participar no Baile de Entroido amenizado polo dúo Prisma que será o encargando de animar aos asistentes e de dinamizar o concurso de disfraces individual, de parella e de grupos.