O empresariado lamenta a eliminación de carrís entre Pontevedra e Marín

Pontevedra
10 de xuño 2019

A sede de AEMPE acollía a reunión do comité directivo da Confederación de Empersarios de Pontevedra. A patronal demanda melloras nas infraestruturas para comunicarse coas poboacións da contorna e seguen a amosar preocupación sobre o futuro de Ence e das empresas situadas no litoral ante a "inseguridade xurídica"

Reunión do comité directivo da CEP en AEMPE Mónica Patxot

O comité directivo da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) mantiña este luns un encontro na sede da Asociación de empresarios da Pequena e Mediana empresa (AEMPE). Alí analizouse a situación empresarial que vive o municipio, a teor dunha enquisa realizada na campaña de Nadal entre 3.000 compradores do comercio local. 

Desta forma, José María Corujo, presidente de AEMPE, sinalaba que en Pontevedra as cifras poñen os "pelos de punta" porque se converteu nunha cidade de autoconsumo. Denuncia que a relación coa contorna económica e coa poboación de municipios como Poio ou Marín é "mínimo". Esta situación preocupa "bastante" ao sector empresarial que demanda a mellora en comunicacións. Corujo afirma que as infraestruturas de Pontevedra son do século pasado e, salvo a conexión con Bueu, o resto de vías teñen décadas mentres que outras zonas como Arousa, O Morrazo ou Terra de Montes contan con vías de alta capacidade. "Pontevedra queda moi illada", afirma o máximo representante de AEMPE.

En leste mesmo sentido pronunciábase Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores, que lamentaba a eliminación dun carril e a instalación de  bolardos na conexión entre Pontevedra e Marín, unha vía á que o empresario denominaba "autovía" ao referirse á estrada PO-11. Touza afirma que a comunicación Pontevedra-Marín é esencial e calquera restrición do número de carrís é moi negativa e indica que así llo transmitiron moitos empresarios.

O presidente da CEP, Jorge  Cebreiros, tamén quixo facer un chamamento ás administracións locais ao afirmar que se pode conciliar facer cidades agradables co interese dos empresarios de "exercer o seu labor" e instou os responsables dos Concellos a que pensen "en clave empresarial".

ENCE

Cebreiros indicou que continúan preocupados por Ence e polo efecto derivado que pode conlevar a depuradoras, industrias, estaleiros e outras empresas que se atopan en espazos marítimos terrestres. Sinala que 4.000 instalacións en Galicia poden verse afectadas por un cambio de normativa da Lei de Costas. "Estamos preocupados todos os días", afirmou o presidente da CEP.

Javier Touza alertou da inseguridade xurídica que provoca un cambio de criterio por parte da Avogacía do Estado, como sucedeu no caso Ence. Asegura que é o "peor caldo de cultivo" para os investimentos e engadiu que se non hai investimentos non se pode crear emprego nin riqueza. Reclaman un pronunciamento "claro e definitivo" por parte dos órganos do Estado sobre esta situación.

Neste sentido, os representantes empresariais engadiron que a partir da próxima fin de semana, cando se constitúan as corporacións locais, comezarán a establecer conversacións cos diferentes representantes políticos. Tamén esperan que o goberno do Estado se estabilíce para manter diálogo cun interlocutor claro.

SEPARACIÓN DOS ÓRGANOS COLEXIADOS DA CEG

Jorge  Cebreiros tamén anunciou que o comité directivo había decidido afastarse de calquera participación en órganos colexiados da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en relación con temas económicos. Alertou de que levan un ano e medio sen que se lles presenten as contas e entende que esa non é a "fórmula" na que deben funcionar as organizacións. 

Alega que darían moi mal exemplo participando ou sendo cómplices" dun funcionamento que non consideran normal nunha organización. Sinalou que desde a Confederación Empresarial de Pontevedra van opoñer en todo aquilo que non sexa claridade e transparencia nas contas. "Quen queira levar unha CEG con esa opacidade é a súa responsabilidade, non a nosa", concluíu  Cebreiros.