O edificio municipal de Santa Clara será un espazo multidisciplinar ligado á igualdade

Pontevedra
06 de xullo 2020

Neste proxecto, que forma parte do programa EDUSI remitido polo Concello á convocatoria de fondos europeos, investiranse case 91.000 euros. As obras, cuxo expediente de contratación iniciouse nos últimos días, terán un prazo de execución duns dous meses

Edificio municipal da rúa Santa Clara onde se atopa o CIM Mónica Patxot

Co próximo traslado das oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo á súa nova sede nos Campos, o edificio municipal de Santa Clara será remodelado para converterse nun espazo multidisciplinar en materia de igualdade.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que neste proxecto, que forma parte do programa EDUSI remitido polo Concello á convocatoria de fondos europeos, investiranse case 91.000 euros.

As obras, cuxo expediente de contratación iniciouse nos últimos días, terán un prazo de execución duns dous meses. O Concello confía, por tanto, en que este novo espazo poida estar operativo antes de que termine este ano.

Este edificio municipal seguirá sendo a sede do Centro de Información á Muller (CIM) e do Centro de Información sobre Diversidade Sexual e Afectiva (CIDES), este último aberto hai uns meses para ofrecer orientación e axuda ás persoas do colectivo LGTBIQA+.

Na súa primeira planta, que deixará baleira o GDR, o goberno municipal optou por reacondicionar o espazo e convertelo nunha área multidisciplinar no que se organizarán actividades relacionadas coa igualdade en todos os ámbitos sociais.

A idea, segundo adiantou Anabel Gulías, é que este espazo " sexa un continuo" coa Praza de José Martí, situada xusto diante deste inmoble, creando unha gran área entre o espazo público e este novo equipamento.

A falta de concretar detalles sobre o seu funcionamento, o Concello sinalou que este espazo poderá ser utilizado por calquera asociación de Pontevedra que o solicite para realizar actividades relacionadas coa igualdade e o empoderamento feminino.