Entre o 19 de agosto e o 4 de setembro de 2018, Víctor Loira, da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII), deu a volta a Galicia en patinete e bicicleta, percorrendo 1.320 kilómetros co obxectivo de dar visibilidade a estas patoloxías que afectan ao tubo dixestivo (entre elas a colitis ulcerosa e o Crohn).
O reto, que contou coa colaboración da Concellería de Benestar Social, quedou plasmado nun documental que acaba de ver a luz e que este luns presentaron no Concello de Pontevedra o propio Víctor Loira; a presidenta de ASSEII, Ángela Paz; Tita García, voceira do colectivo; o director de Área de Relacións Institucionais da farmacéutica Janssen, José Luis Álvarez, e a edil socialista Paloma Castro.
A xesta deportiva de Loira, enfermo de Crohn, con oito sedais perianais de drenaxe e portador dunha bolsa de ostomía, desenvolveuse en 17 etapas polas catro provincias galegas, iniciándose na nosa cidade, finalizando en Santiago de Compostela e pasando por 14 hospitais.
Tal e como explica o seu protagonista, en cada etapa "parábase nun hospital do Sergas para dar a coñecer e facer uso dos aseos adaptados para persoas ostomizadas instalados nos hospitais" e, ademais, deixábase un tríptico informativo en cada un dos centros de saúde polos que se pasaba. "Para dar maior visibilidade ao reto, solicitouse a presenza dos responsables dos centros sanitarios, así como o respaldo das forzas políticas, no momento da chegada ou saída", engade.
Un grupo de apoio e loxística formado por Tita García, Cintia Loira, Ángela Paz e Fernando Baquero acompañaron a Víctor Loira no reto, que se encargou de rexistrar a equipa da produtora de Sebastián Álvaro, aventureiro e director do programa de televisión "Al filo de lo imposible".
Será no Teatro Principal o mércores, día 18 de setembro, ás 19.00 horas
O resultado da filmación destas xornadas é "Un reto polas EII, 1.320 km. de visibilidade",un documental do que Ángela Paz agarda que teña "unha gran acollida" e no que "as emocións están a flor de pel, a dor dunha enfermidade crónica ten voz e a dureza do deporte queda reflectida na faciana de Víctor". "Dende logo, vai ser emotivo -avanza a presidenta de ASSEII-, con lágrimas de dor físico e de alegría e unha vivencia totalmente sinceira, que saíu dos corazóns de toda a equipa. Non escollemos ter a enfermidade, pero si podemos escoller como vivila".
Segundo sinalou a concelleira de Benestar Social, a peza audiovisual, patrocinada pola farmacéutica Janssen, contou coa colaboración da área municipal de Servizos Sociais e de diversos colectivos da Casa Azul, así como da Deputación e da Federación Galega de Asociacións de Crohn e Colitis Ulcerosa. Paloma Castro avanzou que o documental será presentado e difundido en toda España, coa finalidade de "contribuír á sensibilización sobre estas enfermidades non visibles, que afectan a órganos internos e que son difíciles de aprezar a primeira ollada".
O documental será presentado no Teatro Principal o mércores, día 18 de setembro, ás 19.00 horas, nun acto que terá entrada de balde.