O dispositivo de seguridade e mobilidade dos mundiais de tríatlon, a exame

Pontevedra
03 de decembro 2018

A seguridade dos participantes e o dispositivo de mobilidade, para reducir as molestias aos veciños, serán dúas das preocupacións da organización do ITU Multisport Pontevedra 2019, o evento deportivo que traerá á cidade cinco mundiais de diferentes especialidades de tríatlon entre os días 27 de abril e 4 de maio

Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia Paula Sanmartín

A seguridade dos participantes e o dispositivo de mobilidade, para reducir as molestias aos veciños, serán dúas das preocupacións da organización do ITU Multisport Pontevedra 2019, o evento deportivo que traerá á cidade cinco mundiais de diferentes especialidades de tríatlon entre os días 27 de abril e 4 de maio.

A concelleira Carme da Silva, responsable de seguridade cidadá, explicou que nos próximos días celebraranse dúas reunións ao máis alto nivel técnico para tratar estas cuestións e avanzar na organización do campionato.

A primeira será o vindeiro luns 10 de decembro, ás dez da mañá, nas dependencias da Policía Local.

A esta reunión, xunto cos responsables da propia xefatura, acudirán representantes da Garda Civil e a DXT, servizos técnicos municipais e das compañías de auga ou limpeza, o director da carreira, o servizo de Deportes ou membros das federacións.

Nela analizaranse os percorridos das cinco probas que se desenvolverán na cidade e que están practicamente pechados. Da Silva adiantou que haberá cambios con respecto ao Nacional de longa distancia, celebrado o pasado mes de agosto, que detectou problemas nalgúns puntos que se prevén corrixir para esta gran cita.

Estes cambios deberán ser aprobados polos responsables deportivos e de seguridade.

Para esta cuestión, o goberno municipal asegura que se irá "porta por porta" para que os veciños teñan "información con tempo suficiente" e se poidan buscar alternativas aos problemas que poidan xurdir.

Ademais, o 18 de decembro celebrarase unha Xunta Local de Seguridade á que acudirán todas as administracións implicadas neste evento deportivo -Concello, Deputación, Xunta de Galicia e a propia Subdelegación de Goberno-, así como responsables de todas as forzas e corpos de seguridade do Estado.

Todos eles analizarán os detalles organizativos para garantir que todo se desenvolva coas máximas garantías para todos, tanto para os deportistas como para o público e para os veciños e comerciantes afectados.