O día despois en Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade: "Isto é un desastre. Terrible"

Ponte Caldelas
16 de outubro 2017

Ponte Caldelas está xa realizando unha valoración de danos. Andrés Díaz asegura que o panorama é "terrible" no municipio. Tanto que o goberno municipal estuda pedir a declaración de zona catastrófica. En Cerdedo-Cotobade, os principios danos producíronse no monte. "Conseguimos salvar todas as casas que era a nosa prioridade", explicou Jorge Cubela

Danos producidos polos incendios en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

O día despois da tráxica onda de incendios en Galicia toca seguir traballando para extinguir os lumes que permanecen activos. A iso dedicáronse este luns en Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, dous dos municipios máis afectados.

O alcalde, Andrés Díaz, sinala que todos os incendios xa están controlados. Á primeira hora da mañá, tras unha longa xornada loitando contra o lume, reaviváronse pequenos focos. A choiva e o traballo dos servizos de emerxencia impediron que fóra a máis.

O Concello está xa realizando unha valoración de danos. Andrés Díaz asegura que o panorama é "terrible" no municipio. Tanto que o goberno municipal estuda pedir a declaración de zona catastrófica. "Arderon casas, tractores, negocios... houbo danos materiais tremendos", explica o rexedor, que lamenta que a paisaxe sexa xa "irrecuperable".

A situación, engade Díaz, é "cáotica" en todo o concello, especialmente nas zonas máis afectadas polos incendios como Parada, A Insua, Regodobargo, Chaín, Silvoso ou Tourón, polo que espera que esa declaración como zona catastrófica "poida axudar un pouco a compensar todo este sufrimento". En total, víronse afectados 25 dos 33 núcleos de poboación.

O primeiro lume produciuse sobre as 21.30 horas en Chaín e estendeuse con gran virulencia pola zona de Verdugo, Parada, A Roca, Rebordelo e Pazos. Ao  mesmo tempo entrou outro lume polo sur, a través de Silvoso e A Insua. Mentres tanto, ao redor do centro urbano de Ponte Caldelas declaráronse subitamente, a partir das 22.30 horas, focos de gran intensidade en Tourón, Paradela e Gradín, así como outros en Caldelas e Cuñas.

Ademais, o alcalde recoñeceu que, ás tres da madrugada, viviuse unha situación "especialmente complicada" que case obriga a desaloxar todo o centro urbano de Ponte Caldelas, ao achegarse o lume ao almacén de bombonas que Repsol ten no municipio. Operarios municipais tiveron que forzar a porta para baleiralo.

En concreto, dúas familias de Ponte Caldelas perderon as súas casas pola acción do lume. Trátase dunha parella nova que foi reacollida nun hostal e unha familia con nenos pequenos que pasarán a ocupar unha das vivendas sociais do concello. O resto do medio centenar de persoas que pasaron a noite no centro cultural puido volver aos seus domicilios.

Ademais, arderon tamén dúas naves empresariais e, segundo os cálculos municipais, unha cuarta parte da masa forestal de todo o concello. Outras pequenas empresas tamén sufriron numerosos estragos.

Máis aló da avaliación de danos, que continuará nos próximos días, o alcalde de Ponte Caldelas denunciou a "insólita" situación que se viviu no municipio. "O 112 non nos colleu o teléfono durante máis de tres horas", asegura. Os primeiros reforzos chegaron pasadas as tres da madrugada a pesar da situación "de extrema gravidade" que se vivía na vila.

"O abandono que sufrimos é abafador", relata Andrés Díaz, que critica que un alcalde non conte cun medio de comunicación directo cos servizos galegos de emerxencias. "Aquí non morreu xente de casualidade", engade o alcalde, que máis aló das condicións do tempo ou a acción dos incendiarios entende que a Xunta "ten a súa responsabilidade".

Díaz denuncia que "este deixamento non é normal", unha situación que provoca que os veciños estean "indignados e cabreados" despois de ver como quedou Ponte Caldelas tras os incendios. "Parece que pasou un terremoto ou que isto sexa unha zona de guerra", dixo.

TODO CONTROLADO EN CERDEDO-COTOBADE

Tamén en Cerdedo-Cotobade este luns multiplicáronse os esforzos para extinguir os incendios que, especialmente, azoutaron ás zonas de Parada de Tenorio, Augasantas, Famelga e Borela.

O presidente da xestora, Jorge Cubela, explica que todos os incendios están controlados e que hoxe tan só prestouse unha especial atención a pequenos focos que ameazaban con reavivarse. Os efectivos de Medio Rural dedicáronse a refrescar a zona para evitar que o lume volva reproducirse.

No caso de Cerdedo-Cotobade, os principais danos producíronse no monte. "Conseguimos salvar todas as casas, que era nosa prioridade", explicou Cubela. O Concello avaliará todos os danos ao longo desta semana.

Arquivado en