O Día da Discapacidade une ás entidades sociais nunha "paraugada" de cores

Pontevedra
03 de decembro 2019

Non choveu, nin falta que facía. O uso do paraugas este martes en Pontevedra foi por simbolismo máis que por necesidade. Para demostrar que, nesta sociedade diversa, baixo un mesmo paraugas todos temos cabida

Celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade Cristina Saiz

Non choveu, nin falta que facía. O uso do paraugas este martes en Pontevedra foi por simbolismo máis que por necesidade. Para demostrar que, nesta sociedade diversa, baixo un mesmo paraugas todos temos cabida.

Máis de 80 entidades sociais galegas celebraron o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co lema "Baixo o mesmo paraugas", unha iniciativa que cumpre xa a súa cuarta edición e que este ano se celebrará por primeira vez en toda Galicia con actos nas cidades de Pontevedra, A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense.

No acto celebrado na Boa Vila as persoas con discapacidade foron as protagonistas desta "paraugada" e defenderon os  seus dereitos como cidadáns a través da lectura dun manifesto e dos seus desexos para o futuro, ademais de outras actividades.

Este evento, que encheu a cidade de paraugas de cores para mostrar unha sociedade plural e diversa, contou tamén coa asistencia de centos de alumnos de infantil e primaria dos colexios San José, CEIP Campolongo, CEIP Froebel, Os Sauces, IES Sánchez Cantón, CEIP Álvarez Limeses e o CEIP Santo André de Xeve.