O desuso do galego por parte de varios concelleiros debatirase no vindeiro pleno

Pontevedra
23 de setembro 2016

O BNG presenta unha moción ante o incremento de concelleiros que utilizan o castelán para intervir nas sesións plenarias e reclama o emprego do regulamento que obriga a cumprir coa normativa lingüística empregando o galego

Pleno municipal de Pontevedra Mónica Patxot

O pleno do mes de setembro celebrarase o vindeiro xoves 29 ás 11.00 horas no Teatro Principal abandonando o luns como día de convocatoria ao coincidir coa xornada postelectoral. Nesta sesión debaterase sobre a diminución do uso do galego por parte dalgúns concelleiros.

A moción será presentada polo Bloque Nacionalista Galego, que reclamará que se cumpra co regulamento do pleno e coa normativa lingüística onde consta que a corporación promoverá o uso normal da lingua galega tanto oralmente como por escrito tendo en conta o establecido na Lei de 1988 do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

Con todo, nese regulamento indícase que os concelleiros poderán facer uso indistintamente do idioma galego ou do castelán.

O portavoz do goberno, Raimundo González, sinalaba que esta medida adóptase ante a comprobación do desuso do galego por algúns membros da corporación nas últimas sesións. En todo caso, non existe ningunha sanción para aqueles concelleiros que se expresen noutra lingua. Varios concelleiros do Partido Popular e a portavoz de Ciudadanos, María Rey, empregan con frecuencia o castelán e neste último caso incide en que continuará expresándose nesa lingua.

O BNG tamén presentará unha moción para adherirse ás medidas de mobilidade propostas pola Rede de Cidades pola bicicleta.

Pola súa banda, o Partido Popular presentará mocións sobre a necesidade de que se reabra o bar no campo de fútbol da Xunqueira e sobre a petición de vixilancia na Casa Azul.

O grupo municipal socialista pedirá a retirada da proba psicotécnica dos procesos selectivos do Concello de Pontevedra e a adopción de medidas de protección do Carballo de Santa Margarita.

As mocións de Marea Pontevedra estarán encamiñadas a que se inicien os traballos para asumir polo Concello o abastecemento de auga e a recollida de lixo.

Por último, Ciudadanos propón o cambio de normativa para a intervención de cidadáns a titulo individual nas sesións plenarias.