O desfile infantil abre o domingo a programación festiva do entroido en Sanxenxo

Sanxenxo
12 de febreiro 2015

Xa está todo a punto en Sanxenxo para dar inicio ao entroido. A festa comezará na tarde do domingo coa celebración do desfile e o concurso de disfraces infantil. Partirá ás 17.00 horas da avenida Luis Rocafort e culminará no Porto Deportivo, onde o Concello de Sanxenxo repartirá máis de 1.000 euros en premios

Desfile de Entroido e concurso de disfraces de Sanxenxo Diego Torrado

Xa está todo a punto en Sanxenxo para dar inicio ao entroido. A festa comezará na tarde do domingo coa celebración do desfile e o concurso de disfraces infantil. Partirá ás 17.00 horas da avenida Luis Rocafort e culminará no Porto Deportivo, onde o Concello de Sanxenxo repartirá máis de 1.000 euros en premios.

Os participantes neste desfile serán valorados polos membros do xurado que puntuarán de 1 a 5 puntos os disfraces concursantes valorando sobre todo a súa orixinalidade, o seu atrezo e a súa posta en escena.

Así, a Administración local entregará na Praza dos Barcos os galardóns aos mellores disfraces, tanto en categoría individual ou parella, como grupo de 3 a 10 compoñentes e grupo de máis de 10 compoñentes.

Concretamente, a Concellaría de Cultura outorgará un primeiro premio ao mellor disfraz infantil da categoría individual ou parella que ascenderá a 90 euros, mentres que o segundo e o terceiro serán de 60 e 30 euros respectivamente.

Os grupos de ata 10 compoñentes poderán optar a conseguir 150 euros o primeiro premio, 120 euros o segundo e 90 euros o terceiro; mentres que as contías destinadas aos grupos de máis de 10 compoñentes serán de 300, 150 e 100 euros dependendo do posto.

Os interesados en sumarse a esta iniciativa, que deberán contar con idades inferiores aos 16 anos, deberán inscribirse ao concurso podendo facelo o mesmo día no Club de Xubilados de Sanxenxo, situado na mesma rúa Luis Rocafort, entre as 15.30 e as 16.30 horas.

Arquivado en