O departamento municipal de Urbanismo inicia o seu traslado ao novo edificio dos Ferreiros

Pontevedra
09 de xullo 2020

Mentres dure o traslado, as catro oficinas permanecerán pechadas ao público e volverán a retomar a atención ao cidadán o xoves día 16. Nestas novas dependencias da rúa dos Ferreiros traballan dende o pasado 8 de xuño os departamentos de tesourería, xestión tributaria, contratación tributaria, tributos e inspección

Novas dependencias municipais da rúa dos Ferreiros Concello de Pontevedra

A partir do xoves 16 de xullo está previsto que os 70 traballadores dos servizos municipais de tesourería e urbanismo estean xa instalados nas súas novas oficinas, habilitadas nun edificio da rúa dos Ferreiros. O traslado das últimas unidades comezará este mesmo luns.

A mudanza afectará desta volta á área de Urbanismo que, ata o de agora, ocupaban o edificio de Churruchaos e unha parte do Teatro Principal.

Os servizos implicados son os de urbanismo, a oficina técnica de licenzas, a oficina de rehabilitación do ARI e o departamento de disciplina urbanística e policía administrativa. 

Mentres dure o traslado, as catro oficinas permanecerán pechadas ao público e volverán a retomar a atención ao cidadán tres días despois, o xoves.

Nestas novas dependencias da rúa dos Ferreiros traballan dende o pasado 8 de xuño os departamentos de tesourería, xestión tributaria, contratación tributaria, tributos e inspección.

Esta nova sede municipal ten unha superficie de 1.328 metros cadrados divididos en dúas plantas, unha de 600 metros e outra de 728 metros. 

Unha vez que se materialice o traslado do departamento de urbanismo, as novas oficinas municipais acollerán a 70 funcionarios: trinta postos de xestión económica na planta baixa e corenta na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.