A escasos días da Feira da Peregrina o interese que os carteis taurinos despertaron entre afección local e a foránea que goza destes días nas Rías Baixas está a ser satisfactorio. A venda de localidades, tanto para o festexo do sábado 10 como para o domingo 11 está a resultar "moi ben, incluso mellor ao do ano pasado", que xa foi o mellor das últimas edicións, segundo sinalan desde a empresa xestora da praza.
Mantendo o volume da compra de entradas "esperamos encher a praza os dous días", engaden. Máxime co feito de que a Feira coincide co arranque da Semana Grande de Pontevedra, que as previsións meteorolóxicas acompañarán a fin de semana e os propios atractivos dos carteis confeccionados para a ocasión.
As dúas ternas previstas son sen dúbida máis que interesantes. Na do sábado 10 de agosto coincidirán os tres nomes que esta tempada están a copar presenza. Dous xa son coñecidos para a afección local, o peruano Roca Rey e o estremeño Alejandro Talavante. A estes hai que engadir a Juan Ortega, que debutará no coso de San Roque. Desde a tempada anterior está a conseguir situarse entre os primeiros toureiros do escalafón e chega por tanto no seu mellor momento profesional.
A súa presenza nas feiras taurinas vén acumulando numerosos plenos de aforos este 2024; máxime tras o ciclo de abril en Sevilla onde acadou a mellor faena da feira. O destro sevillano cumprirá en setembro o seu décimo aniversario de alternativa cun ano de relumbrón se nada se torce. De toureo clásico, de acordo aos canons, evidencia un oficio cadencioso, tépedo, mostrando o seu dominio niso de parar, amornar e mandar.
O festexo dominical non quedará atrás coas ansias renovadas que está a manifestar Morante de la Puebla tras retomar a tempada este xullo. Acompañaranlle Daniel Luque, triunfador do ciclo pontevedrés o ano pasado e o toledano Tomás Rufo, quen compartía a comezos do verán unha tarde taurina, para repetir, coa afección pontevedresa.
Este próximo xoves 8 desembarcaranse nos currais de Pontevedra os touros dos ferros salmantinos de Puerto de San Lorenzo e La Ventana del Puerto que tamén debutan nos carteis da Peregrina, mentres que o sábado farano os hastados de Alcurrucén.