Cando parecía que o pleno municipal de setembro ía ser un dos máis plácidos dos últimos anos, un único asunto fixo saltar polo aire a concordia que se respiraba na corporación. A suposta lei de amnistía para os independentistas cataláns.
Era de esperar. O PP está a trasladar a todos os foros o seu rexeitamento ante o que consideran un "intento de subastar" a España e "ponerla de rodillas" fronte aos que "impulsaron un golpe de estado que atentaba contra los cimientos de la democracia".
Así se expresou a edil Pepa Pardo, que asegurou que os populares "no nos callaremos" ao ver que Pedro Sánchez está disposto a "ceder al chantaje" para manterse no poder "convirtiendo a unos delincuentes en honrados ciudadanos".
"Es un fraude en mayúsculas", sostivo Pardo, que subliñou que lle parece "indigno y vergonzoso" que Sánchez estea disposto a "humillar y dividir a los españoles" e estea a negociar "premiar a quienes atacaron a España y a nuestra democracia".
O intento do PP para censurar unha futura lei de amnistía non foi apoiado nin polo PSdeG-PSOE nin polo BNG, que lembraron que este asunto "non lle afecta a este concello" e que chega a Pontevedra, segundo Carme da Silva, "porque lles manda Madrid e Feijóo".
A concelleira nacionalista engadiu que a amnistía que ela lembra é a fiscal, aprobada polo PP e da que se beneficiaron 31.500 "delincuentes fiscais", mentres que en materia de indultos, o récord osténtao José María Aznar, con case seis mil.
O socialista Iván Puentes, pola súa banda, lamentou que non haxa "maior fábrica de independentismo e de fractura social" que o PP, ao que acusou de facerlle o "traballo sucio" á ultradereita de Vox con estes "discursos incendiarios".
Lembrou que, polo momento, falar dunha lei de amnistía é "ciencia ficción" porque o que se presenta á investidura é Alberto Núñez Feijóo. Cre Puentes que todo isto é unha "cortina de fume" ante a "incapacidade" do líder popular para ser presidente.
ACORDOS EN TEMAS DE INTERESE LOCAL
O resto da sesión, centrada en cuestións de ámbito local, si mantivo un bo ton que estivo presidido pola unanimidade.
Así, aprobouse a iniciativa do PSOE para que o Concello redacte, en colaboración co sector, un protocolo de actuación contra a violencia machista no lecer nocturno; ou a proposta o PP para crear unha vivenda de acollida para dar acubillo a vítimas da violencia machista.
A mesma sorte correu a proposta do PP para impulsar un plan de mantemento das instalacións deportivas ou a moción socialista para instar á Xunta a devolverlle o local ao Ateneo no seu edificio de Benito Corbal -esta última co voto en contra do PP-
Socialistas e nacionalistas denunciaron o "castigo" da Xunta a unha entidade "plural, diversa e senlleira" de Pontevedra, algo que consideran unha "inxustiza", mentres que os populares defenderon que non se expulsou a ninguén senón que a repartición de locais fíxose mediante unha valoración técnica "que no tuvo en cuenta ninguna ideología política".
Onde quedou só o BNG, aínda que o asunto foi aprobado pola abstención dos outros dous grupos, foi na modificación do cadro de persoal, deseñada polo Concello para "abordar as necesidades que se presentan nos servizos e mellorar a súa calidade", segundo Eva Vilaverde.
A oposición reprochoulles que adoptasen estes cambios sen negociar con ninguén e instou ao goberno municipal a retomar o diálogo social cos seus traballadores, en lugar de facer cambios continuos "a golpe de lo que a ustedes les interesa".