O custo das obras do Parador rozarán os 700.000 euros

Pontevedra
03 de abril 2023

Ata os 681.000 euros ascenderán finalmente as obras que Paradores do Estado realizará na Casa do Barón, o Parador de Pontevedra. É unha actuación que, tras recibir a licenza municipal, poderán comezarán nos próximos días

Parador de Pontevedra, pechado o 1 de marzo por obras Mónica Patxot

Ata os 681.000 euros ascenderán finalmente as obras que Paradores do Estado realizará na Casa do Barón, o Parador de Pontevedra. É unha actuación que, tras recibir a licenza municipal, poderán comezarán nos próximos días.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, informou este luns que previamente ao comezo destes traballos a directora do Parador, Meritxell Marcos, mantivo unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para abordar esta actuación.

Ambos se comprometeron a "compasar" o ritmo das obras coa tramitación administrativa para permitir que o establecemento poida estar aberto nunha época de "especial afluencia" de visitantes, a gran final das Series Mundiais de tríatlon en setembro.

O cronograma destes traballos, segundo Gulías, está "preparado" para que o Parador de Pontevedra poida aloxar aos deportistas desta cita deportiva, aínda que "con todas as reservas" ao tratarse de obras nas que "non se pode garantir" cando terminarán.

Con respecto á actuación prevista, Paradores do Estado pretende impulsar unha renovación integral de todo o inmoble para "modernizalo e melloralo", destacou a edil do BNG.

Así, ademais de renovar a cuberta para acabar coas filtracións de auga e illar o edificio de maneira máis eficiente, cambiaranse as baixantes e canlóns, impermeabilizarase toda a estrutura e solucionaranse diversos problemas de accesibilidade.

Tamén se renovará toda a rede de saneamento e as tubaxes de auga fría, reforzarase a sala de caldeiras, cambiaranse os equipos de climatización ou se impulsará a mellora no acabado dos chans e os pavimentos de todo o complexo.

"É unha renovación integral do Parador para que siga sendo a hospedaxe máis emblemática de Pontevedra", sentenciou Anabel Gulías, que engadiu que estas obras de reforma estenderanse ao amplo xardín co que conta o establecemento.