O curso escolar comeza con "total normalidade" en Pontevedra

Pontevedra
12 de setembro 2018

Con "total normalidade". Así comezou este mércores o curso escolar 2018-2019 en Pontevedra. Case 8.000 nenos e nenas de Infantil e Primaria regresaron ás aulas nos centros educativos da cidade. Segundo os datos de Educación, 5.591 estudarán algún curso de Primaria, mentres que 2.403 farano en Infantil

Inicio do curso escolar no colexio de Campolongo PontevedraViva

Con "total normalidade". Así comezou este mércores o curso escolar 2018-2019 en Pontevedra. Case 8.000 nenos e nenas de Infantil e Primaria regresaron ás aulas nos centros educativos da cidade.

Segundo os datos de Educación, 5.591 estudarán algún curso de Primaria, mentres que 2.403 farano en Infantil.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou neste primeiro día o colexio Campolongo, un dos máis emblemáticos do municipio e onde estudan máis de 500 escolares.

Alí, Fernández Lores reiterou o apoio do goberno municipal para que o sistema educativo de Pontevedra funcione "o mellor posible", realizando as tarefas de mantemento necesarias e colaborando con "numerosas" actividades extraescolares.

A este respecto, o alcalde explicou que Campolongo será un dos seis colexios de Pontevedra que, ao longo deste curso, se incorporarán ao Plan Revitaliza, compostando os residuos orgánicos do seu comedor escolar e abrindo unha horta experimental para utilizar o compost e ensinar aos pequenos como é a produción agrícola.

O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, tamén destacou a normalidade desta xornada en toda a provincia, na que volveron ás clases 52.107 escolares, dos cales 35.745 fano en centros públicos.

Dos 362 colexios da provincia, entre públicos, privados e concertados, destacou Cores Tourís, 150 xa son plurilingües, trinta máis que o ano pasado.

O mesmo día que comeza o curso tamén empezan a funcionar os servizos de transporte aos centros de ensino e de comedores escolares.

Neste último ámbito, a Xunta sinala que o número estimado de prazas en toda Galicia será de 75.699, das cales preto de 15.000 son xestionadas directamente polas ANPAS dos centros ou polos respectivos concellos.