O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) promove, coa colaboración de diversas entidades, o concurso escolar de debuxo "Os cereais", no marco do "Ano Internacional do Paínzo", declarado pola Organización das Nacións Unidas.
A iniciativa parte da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) e colabora a Delegación do CSIC en Galicia e a Estación Fitopatolóxica Areeiro-Deputación de Pontevedra (unidade asociada á MBG).
Poden participar os escolares de entre 6 e 11 anos de centros de ensino de toda España con debuxos que estean directamente relacionados co tema do certame. Cada debuxo debe acompañarse dunha frase explicativa ou slogan.
O prazo de presentación de propostas está aberto ata o 27 de outubro e os debuxos deben enviarse ou presentarse, preferentemente, a través dos centros escolares (que deberán limitar a un máximo de 10 os debuxos por categoría), en sobre pechado no Liceo Casino de Pontevedra (Rúa Manuel Quiroga, 21, 36002. Pontevedra) ou por e-mail a info@scg.org.es
Todos os debuxos mostraranse no Liceo Casino durante a Semana da Ciencia (13-17 de novembro) e un xurado, composto por representantes das entidades promotoras, unha docente da área de ciencias e un artista plástico, escollerá dez debuxos finalistas por categoría (6-7 anos, 8-9 anos e 10-11 anos).
PREMIOS
De entre os dez debuxos finalistas adxudicarase un primeiro e un segundo premio. Ademais, outorgarase un premio especial aos concursantes dos municipios de Pontevedra, Marín e Poio por cada categoría. Os premios consisten en bonos trocables por material de debuxo ou librería.
O fallo do xurado farase público o 17 de novembro pola tarde nun acto aberto ao público xeral no Liceo Casino.
Os debuxos premiados publicaranse, ademais, no Boletín da Sociedade de Ciencias de Galicia.