O cruzamento entre Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac converterase nunha praza circular

Pontevedra
27 de outubro 2020

Demetrio Gómez, concelleiro de Obras, anunciaba que nas vindeiras semanas comezará esta reforma para cambiar o actual pavimento e converter nese espazo nunha zona de estancia peonil que conviva coa circulación de vehículos. Vai establecerse unha base de formigón pulido en cor escura con bordos circulares. O orzamento da obra ascende a 48.000 euros

Policía Local sobre o pavimento vermello en Daniel de la Sota César Abal

O asfalto de cor avermellada situada no cruzamento entre Daniel da Sota, Benito Corbal e Cobián  Roffignac desaparecerá nas próximas semanas. Este martes, o concelleiro de Obras Demetrio Gómez anunciaba esta reforma dun pavimento que xa sufriu diferentes modificacións durante os últimos anos desde que se levou a cabo a peonalización de Benito Corbal.

Nesta ocasión, colaboran as concellerías de  Proxectos Urbanos e de  Sostenemento de  Espazos Públicos coa idea de crear unha praza circular "máis nobre" para converter a zona nun espazo de estancia peonil que se combine co paso de vehículos e que facilite a entrada ao centro histórico. Demetrio Gómez avanzou que o actual asfalto é de difícil reparación e non compensa o custo de mantemento. Por este motivo será cambiado por un formigón puído similar ao que se utiliza na cabeceira norte da ponte do Burgo, con áridos do formigón á vista. Neste caso, a cor prevista será escura.

Ademais igualaranse as beirarrúas e instalaranse bordos circulares, unha solución que xa levou a cabo na praza situada entre as rúas da Seca, Casimiro Gómez e Fernando  Olmedo. O orzamento para esta reforma no centro de Pontevedra ascende a 48.000 euros e será executada pola empresa Covsa cunha duración apróximada de dúas semanas de traballos.

Demetrio Gómez explicou que aquela obra inicial realizouse con certa urxencia para ofrecer unha solución a ese tramo e agora a intención do goberno local é que se ofreza un espazo de estabilidade, que dure anos.

O inicio dos traballos depende do plan de circulación que deseñe a Policía Local de Pontevedra. Non se descarta que se permita o paso dalgún vehículo mentres levan a cabo estes traballos pero iso, explicou o concelleiro, conlevaría máis lentitude na realización da reforma.

Por outra banda, o concelleiro apuntou que en breve comezarán as obras da Rúa da Torre, Médico Ballina e o plan de asfaltados antes de que finalice o ano en Daniel de la Sota; Casimiro Gómez; no cruzamento de Texoeira con 12 de Novembro; no cruzamento de Barcelos con Perfecto Feijoo e coa Rúa San Antoniño.

Tamén destacou que as obras que se realizan en Loureiro Crespo, no acceso aos Campos e en Valdecorvos transcorren con normalidade cumprindo os prazos previstos. Sinalou, neste sentido, que agardan a mellora do tempo para finalizar a obra de Valdecorvos que permita o uso do novo aparcamento demandado pola veciñanza da zona. No rural tamén se están executando traballos na  Fracha; na  Tomba;  Ramallás, Ribeiro, na parroquia de Campañó e en Tomeza.