O Corpo Nacional de Policía era nomeado Membro Honorífico do Gremio de Mareantes de Pontevedra este venres nun acto no que o comisario provincial Juan José Díaz Jiménez recibía a medalla, o pergamiño e a metopa desta institución de mans do seu actual presidente José Luis Arellano.
Ao acto, entre outros representantes, acudía Pedro Cardona Suanzes, comandante-director da Escola Naval Militar de Marín, que exerce a presidencia de honra do Gremio.
Arellano afirmaba a PontevedraViva que este nomeamento faise de maneira graduada con diferentes estamentos como a Garda Civil ou a Escola Naval, pero ademais coincide co bicentenario da creación do Corpo.
O presidente do Gremio de Mareantes tamén ten a súa implicación persoal porque el foi xefe do taller do parque móbil e quería que se levara a cabo este nomeamento.
Sinala que as principais dificultades da entidade son económicas porque actualmente conta con 400 socios que pagan unha cota de 20 euros ao ano.
"Tenemos un patrimonio histórico bestial y mantenerlo en pie nos cuesta muchísimo", afirma José Luis Arellano, que loita para que a Iglesia recoñeza que quen fixo e quen pagou a construción da Basílica de Santa María foi o Gremio de Mareantes xa que contratou os canteiros, "a los mejores que había para hacer la fachada".
Editan unha revista, que imprime a Deputación de Pontevedra, institución coa que queren chegar a un acordo. "Me gustaría tener todo como Fundación anexa al Museo", indica o presidente dunha entidade que foi fundamental economicamente para Pontevedra ao longo de 800 anos de historia e que quere continuar mantendo representación en todos os estamentos.