O conto dos tres porquiños, motivación para respectar os bosques no Centro Forestal de Lourizán

Pontevedra
11 de maio 2023

A iniciativa forma parte dun convenio entre o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia, que se enmarca no proxecto 'Árbores que dan vida'. A campaña está dirixida a 140 escolares de educación infantil e primaria de Pontevedra e Poio

Visita escolar ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán FEARMAGA

A Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (FEARMAGA) en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF) acollía este xoves as últimas visitas escolares dunha iniciativa na que 140 estudantes de Pontevedra e Poio recibiron información sobre o coidado dos bosques e a bioeconomía circular.

Nesta ocasión, escolares do CEIP Plurilingüe Froebel de Pontevedra participaron en dúas sesións de contacontos sobre a historia dos tres porquiñoss baixo o título 'Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco', actualización da historia tradicional na que o lobo é incapaz de facer fronte á sustentabilidade da casa elaborada con madeira.

Cris de Caldas e Xabi do Camiño foron os encargados de contar ao público infantil a importancia dos bosques para frear o cambio climático.

Destacaron os valores dos bosques galegos e dos produtos naturais e sostibles como a madeira.

Ao longo da visita, os escolares coñeceron o patrimonio histórico e a riqueza do xardín botánico de Lourizán con máis de 800 especies forestais, ao mesmo tempo que recibían información para previr incendios forestais.