O Tribunal Constitucional ven de inadmitir a trámite o recurso de amparo presentado pola Avogacía do Estado en contra da sentenza ditada en febreiro de 2023 polo Tribunal Supremo, que avala a legalidade da prórroga da concesión da fábrica de Ence en Pontevedra.
Foi a compañía pasteira a que fixo pública esta decisión xudicial nunha información remitida á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) sen que a administración xeral do Estado informase respecto diso en ningún momento ao longo deste proceso.
Aínda está pendente de coñecer a decisión deste Tribunal sobre o outro recurso de amparo presentado contra esta sentenza, por parte do Concello de Pontevedra.
Desde a Dirección do Grupo Ence consideran que "esta resolución do Tribunal Constitucional despexa as dúbidas sobre o futuro de Ence Pontevedra", e engade que esta inadmisión "dota de seguridade xurídica plena á actividade e permanencia desta biofábrica en Pontevedra".
A empresa asegura nun comunicado que seguirá centrada "en crear riqueza e emprego sostibles en Galicia a través da actividade desta planta, que se manterá sempre á vangarda en eficiencia, mellores tecnoloxías dispoñibles e calidade ambiental".
A compañía pasteira reitera que "o coidado da contorna e a transparencia son clave" e cita como mostra deste "compromiso" o Plan Social cuxa quinta edición foi presentada este mesmo mércores.
Ademais, Ence anunciou que prevé investir 120 millóns de euros na fábrica de Lourizán a partir de 2025 "para seguir avanzando na súa competitividade e sustentabilidade", o que permitirá diversificar a súa mix de produtos de celulosa Kraft, "sen que supoña unha ampliación nin un aumento de produción, en ningún caso", aseguran.
"Este proxecto, 'Pontevedra Avanza', sumarase a un importante investimento recorrente anual", engade este comunicado.
Por último, suma a este "compromiso de Ence con Galicia" o proxecto que a compañía desenvolve na localidade coruñesa das Pontes cun complexo industrial para a produción de fibra reciclada branqueada, que inclúe ademais un proxecto piloto para a reciclaxe de téxtiles postconsumo.
REACCIÓN DO CONCELLO DE PONTEVEDRA
Eva Vilaverde, alcaldesa accidental de Pontevedra, reafirmou o compromiso do Concello para continuar coa batalla legal contra a presenza de Ence na ría de Pontevedra.
Tras a decisión do Tribunal Constitucional de inadmitir a trámite o recurso de amparo presentado pola Avogacía do Estado contra a sentenza do Tribunal Supremo que permite a Ence continuar na ría até 2073,
Vilaverde destacou que esta resolución non afecta ao recurso propio do Concello.
A edil subliñou que o procedemento iniciado polo Concello segue o seu curso e que non hai novidades ao respecto. "Seguimos adiante co noso recurso e seguiremos loitando para conseguir sacar a Ence da ría de Pontevedra por todos os medios que este Concello ten á súa disposición", asegurou Vilaverde.