O Consorcio Provincial Contraincendios ten unha boa saúde económica

Bueu
27 de abril 2023

O pleno ordinario do Consorcio Provincial Contra Incendios, participado ao 50% pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, aprobou este xoves por unanimidade o peche da conta xeral do ano 2022

Pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios Deputación de Pontevedra

O pleno ordinario do Consorcio Provincial Contra Incendios, participado ao 50% pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, aprobou este xoves por unanimidade o peche da conta xeral do ano 2022, que "confirma a boa saúde económica do organismo, a súa solvencia, a inexistencia de débeda financeira e os remanentes do pasado ano" que poderán investirse este ano en diferentes melloras nos parques do Morrazo, Ribadumia, Vilagarcía e O Porriño.

Na sesión, que contou coa asistencia da presidenta provincial Carmela Silva e do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, amais das representacións da Deputación e Xunta, deuse conta do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e sustentabilidade financeira, sen prexuízo da suspensión das regras fiscais.

Na orde do día deuse tamén o visto bo á liquidación do contrato coa empresa Matinsa, compañía que mantiña a concesión desde 2013 para a prestación do servizo contra incendios, unha vez que desde o 8 de abril de 2021 o pleno do Consorcio aprobou o pase do servizo á xestión directa.

Finalmente, o pleno aprobou a adhesión do Consorcio á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a fin de poder contratar as obras, servizos e subministros que oferte, de conformidade ás condicións e prezos que se fixen nos correspondentes contratos ou acordos marco que se subscriban entre dita central e as empresas adxudicatarias. 

A adhesión ten carácter voluntario e non supón en ningún caso o deber de efectuar tódalas contratacións a través da Central de Contratación da FEMP, podendo sempre o Consorcio optar por utilizar este sistema ou calquera outro establecido na lexislación de contratación pública.