O Consello Municipal da Muller comeza a deseñar as actividades para o 8M

Marín
24 de xaneiro 2022

O Consello Municipal da Muller de Marín reuniuse este luns no Salón de Plenos da Casa Consistorial, co obxectivo de analizar cales serán as iniciativas que se levarán a cabo este ano para conmemorar o 8 de Marzo, Día da Muller

Reunión do Consello Municipal da Muller de Marín para deseñar as actividades para o 8M Concello de Marín

O Consello Municipal da Muller de Marín reuniuse este luns no salón de plenos da casa consistorial, co obxectivo de analizar cales serán as iniciativas que se levarán a cabo este ano para conmemorar o 8 de Marzo, Día da Muller.

Esta convocatoria foi presidida pola concelleira de Igualdade e Benestar Social, Marián Sanmartín, e contou coa presenza de representantes do Centro de Información á Muller (CIM) de Marín, do departamento de Servizos Sociais, dos grupos políticos da corporación municipal e das asociacións de mulleres ou con vocalía de Marín.

Durante a reunión, intercambiáronse ideas de cara á elaboración da declaración institucional que se lerá no acto oficial dese día e estudáronse distintas propostas para escoller ao colectivo de mulleres que será homenaxeado.

CHARLAS NOS CENTROS EDUCATIVOS

A directora do CIM, Marián Sánchez, informou de que se están realizando charlas nos centros educativos de Marín sobre agresións e violencia sexual.

Trátase dun proxecto da Secretaría Xeral de Igualdade que estaba concibido para desenvolverse nunha única sesión, "pero como vimos a gran importancia do tema e a demanda que había por parte da comunidade educativa, o Concello decidiu asumir o custe do resto de sesións para que así poida chegar a todo o alumnado de Secundaria do noso municipio ao longo do ano", explicou Marián Sánchez.

A actividade está impartida por María Angélica Mercado Torres, mestra en lingua estranxeira e especialista en políticas e estudos de xénero, con experiencia en coordinación de proxectos sociais. Na charla abórdanse temas como os estereotipos, a cultura da violación, a violencia sexual no eido dixital e outras cuestións relacionadas coa violencia de xénero, dándolle ao alumnado ferramentas prácticas para a detección e a prevención da violencia sexual.

Ademais, desde o CIM lembran que a través da súa web (https://cimdemarin.es/) está activa unha formación en igualdade, cuxos temas versan sobre o concepto de Igualdade, a diferenza entre sexo e xénero, a división dos espazos e as novas masculinidades.