O Consello de Ministros autoriza contratar as obras da A-57

Pontevedra
26 de decembro 2014

O Goberno autorizou na última reunión do ano a celebración do contrato de obras do primeiro tramo da futura autovía e define a infraestrutura como a alternativa de gran capacidade á estrada N-550 en Pontevedra. Xusto deu este paso uns días despois de que o Pleno da Corporación de Pontevedra acordase pedir Fomento que axilizase a tramitación da autovía

Plano da futura autovía A-57 Ministerio de Fomento

O Consello de Ministros deu un novo paso decisivo para desatascar as obras de construción do primeiro tramo da autovía A-57, que unirá Vilaboa e A Ermida, en Marcón. O Goberno aproveitou a última reunión do ano para autorizar a celebración do contrato de obras.

O Ministerio de Fomento difundiu un comunicado polo que explica que as obras que se autoriza a contratar se corresponden co primeiro tramo da futura autovía e define a infraestrutura como a alternativa de gran capacidade á estrada N-550 en Pontevedra. Xusto deu este paso uns días despois do cal o Pleno da Corporación de Pontevedra acordase pedir a Fomento que axilizase a tramitación da autovía nunha votación na que votaron a favor os grupos municipais do PP, o BNG e o PSdeG e se abstivo a concelleira non adscrita María Biempica.

A A-57 está dividida en tramos e Fomento explica que os dous relativos a A Ermida- Pilarteiros e Pilarteiros-Barro, xunto coa conexión coa autoestrada AP-9 en Curro (Barro) "constituirán a futura circunvalación de Pontevedra". Fronte a esta definición que fai o propio Goberno estatal, os colectivos que se opoñen á autovía e a plataforma 'Salvemos a Fracha' sosteñen que non se trata dunha circunvalación, senón dun corredor de catro carrís que non rodea a cidade e que non comunicarán aos veciños das parroquias afectadas nin do centro da cidade.

O comunicado oficial do Consello de Ministros mantén que a A-57 dará continuidade cara o norte á futura autovía A-59, infraestrutura que discorrerá dende o aeroporto de Peinador en Vigo ata Pontevedra (Vilaboa). Contra esta actuación 'Salvemos a Fracha' está a preparar un recurso para levala á vía xudicial.

O proxecto de autovía ten un presuposto de licitación de 86,31 millóns de euros. Os traballos desenvolveranse no ámbito metropolitano da cidade de Pontevedra, percorrendo os concellos de Pontevedra e Vilaboa, destacando os núcleos da Ermida, Pintos, Valladares, Pumariño, Bértola, O Outeiro e Boullosa.

O primeiro tramo de autovía ten 6,48 quilómetros de lonxitude, iníciase á altura do enlace da Ermida, na estrada autonómica PO-532, e finaliza nun punto co que, segundo Fomento, se propón evitar a Mámoa de San Roman-O Cruceiro.

A autovía ten proxectados dous enlaces e 15 estruturas, entre os que hai catro viadutos sobre o río Pintos, o río do Pobo, o Rego do Barco e o ferrocarril; cinco pasos superiores que resolven o paso de camiños sobre a autovía; e seis pasos inferiores. Fomento defende que o proxecto prevé a reposición dos camiños interceptados ao longo da traza da futura autovía.

Arquivado en