O Consello da Muller Nova busca máis participación dos institutos no 8-M

Pontevedra
17 de xaneiro 2020

Na xuntanza mantida este xoves, dirixida pola concelleira de Igualdade, Paloma Castro, estudouse a organización dun congreso sobre igualdade en que se trataría o tema da diversidade sexual

Consello da Muller nova, coa concelleira Paloma Castro Concello de Pontevedra

Os resultados da enquisa sobre diversidade sexual e de xénero, que se realizou en centros de ensino secundario e FP de Pontevedra foi un dos puntos centrais da reunión deste xoves do Consello da Muller Nova no Concello de Pontevedra.

Os asistentes coinciden na preocupación da comunidade educativa sobre estes resultados que reflectían que o 24% do alumnado foi agredido e o 20% sentiu excluído pola súa orientación ou pola súa identidade sexual. Neste sentido, desde o Consello enténdese que é necesario incidir máis na educación, información e sensibilización en relación co colectivo LGTBIQ+ e coa igualdade.

Ademais, tamén se quere fomentar a participación do alumnado dos institutos pontevedreses nos actos conmemorativos do 8- M, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. Neste sentido, Paloma Castro, concelleira de Igualdade, sinalaba que se creou un grupo de whatsapp e unha páxina de Instagram na que cada instituto poderá subir os seus contidos e facer visible as actividades que se van realizando para mellorar a coordinación de actos para esa xornada.

Por outra banda, tamén se estudou a posibilidade de crear un congreso sobre igualdade a principios do vindeiro curso, no que entre outros temas trataranse cuestións relacionadas coa diversidade sexual e de xénero, nunha cita na que ademais de ofrecer formación desenvolveríanse actividades lúdicas durante a tarde con concertos.