O Consello Comarcal de CCOO de Pontevedra elixe a Pilar Mosquera como nova secretaria xeral

Pontevedra
23 de setembro 2022

Aprobouse unha resolución de apoio á manifestación do comité de empresa de Ence que terá lugar o vindeiro 30 de setembro

Consello Comarcal de Comisións Obreiras Pontevedra CCOO

O Consello Comarcal de Comisións Obreiras (CCOO) de Pontevedra, que é o máximo órgano entre congresos, elixiu este venres a Pilar Mosquera como nova secretaria xeral.

Mosquera toma o relevo de José Piñeiro, quen renunciou recentemente a esta responsabilidade por chegar á idade de xubilación.

Pilar Mosquera é traballadora da industria téxtil cunha ampla experiencia sindical, xa que leva case dúas décadas sendo delegada de CCOO na súa empresa e nos últimos anos xa formou parte da Executiva comarcal pontevedresa.

Acompañaron a Mosquera neste nomeamento membros de distintas estruturas como secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, a secretaria de Organización, Leila Piñeiro, o secretario de Acción Sindical, Armando Iglesias e o secretario xeral da FSC-CCOO, José Manuel Ramos.

Este Consello Comarcal tamén aprobou unha resolución de apoio á manifestación convocada polo comité de empresa de Ence-Pontevedra para o vindeiro día 30. Outros temas tratados foron a recollida de sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular a prol da atención primaria e un informe que certifica os bos resultados de Comisións Obreiras nas eleccións sindicais que houbo nos últimos dous anos na comarca.