O Conselleiro de Sanidade, sorprendido "desagradablemente" ante a denuncia penal do Colexio de Médicos

Pontevedra
31 de xullo 2021

En declaracións á Radio Galega, Julio García Comesaña afirmou que manteñen reunións no Consello de Atención Primaria con representantes do Colexio de Médicos de Pontevedra e agarda unha "rectificación". O responsable da Sanidade galega recoñece a falta de profesionais médicos en Atención Primaria

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade Consellería de Sanidade

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, manifestou en declaracións á Radio Galega este sábado 31 de xullo sentirse sorprendido "desagradablemente" pola denuncia penal presentada polo Colexio de Médicos de Pontevedra contra a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que dirixe José Ramón Gómez.

A organización oficial de facultativos de Pontevedra decidiu dar este paso ante as repetidas queixas realizadas pola sobrecarga da Atención Primaria e diversos servizos hospitalarios trasladada á xerencia da área sanitaria sen que se adoptasen solucións.

Segundo manifesta o máximo responsable da sanidade en Galicia se manteñen reunións e conversacións fluídas con representantes do Colexio de Médicos de Pontevedra, que forman parte do Consello de Atención Primaria.

Neste sentido sinalou na radio pública que o vindeiro mércores se manterá unha nova reunión dese consello técnico para tratar o impacto da nova onda da pandemia na Atención Primaria e tamén na atención hospitalaria. O conselleiro indicou que o Colexio de Médicos pontevedrés anunciou este xoves que acudiría a este encontro no que as autoridades sanitarias explicarán as medidas que se están adoptando para recuperar a actividade nos diferentes centros de saúde.

García Comesaña indica que espera unha "rectificación" e a volta á normalidade na relación con este colexio oficial ao que mostrou o "máximo respecto" cara aos seus colexiados. 

O conselleiro recoñeceu durante a entrevista que faltan profesionais médicos en Atención Primaria e en especialidades sanitarias por diferentes causas, pero afirmou que se traballa en distintas alternativas para recuperar a actividade asistencial.