O condutor do Porsche implicado no accidente mortal de Meis, sen pasaporte, sen carné de conducir e sen coche

O Salnés
20 de setembro 2022

O Xulgado de Instrución número 1 de Cambados decretou medidas cautelares sobre este home, veciño de Suíza, pero cuxa familia reside en Caldas. Deberá comparecer os días 1 e 15 de cada mes, como medida para garantir que está en paradoiro coñecido polo xulgado. Detivérono por homicidio polos delitos de imprudencia grave, lesións graves, imprudencia e contra a seguridade viaria

Falece unha motorista e outra resulta ferida ao ser arremetidas por un Porsche en Meis Guardia Civil

O condutor dun turismo Porsche 911 que o pasado venres se viu implicado nun accidente cunha persoa morta e outra ferida grave en Meis non poderá abandonar o país nin conducir un vehículo. De forma preventiva, retiróuselle tanto o pasaporte como o carné de conducir. 

O Xulgado de Instrución número 1 de Cambados fíxose cargo da causa e decretou unha serie de medidas cautelares sobre este home, veciño de Suíza, pero cuxa familia reside en Caldas de Reis. 

Ademais de retirarlle o pasaporte, o xulgado acordou que este home compareza no xulgado os días 1 e 15 de cada mes, como medida para garantir que está en paradoiro coñecido polo xulgado. 

Ademais, interviñéronlle o vehículo implicado no accidente

O home, de 49 anos, deu positivo indiciario en cocaína e a Garda Civil detívoo polos delitos de homicidio por imprudencia grave, lesións graves, imprudencia e contra a seguridade viaria.

O accidente produciuse sobre as 21.15 horas do venres na estrada PO-531. Segundo puido constatar o Grupo de Investigación de Accidentes de Tráfico do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, o turismo Porsche 911 invadiu o carril contrario e chocou frontalmente cunha motocicleta que circulaba en sentido contrario.

Na colisión faleceu a condutora da moto, unha veciña de Brasil de 28 anos,  e resultou ferida grave o seu acompañante, veciña de Caldas, de 48 anos.