O concurso do Desfile de Entroido de Poio repartirá 6.500 euros en premios

Poio
25 de xaneiro 2023

O prazo de inscrición para tomar parte no certame abrirase o 6 de febreiro e permanecerá aberto ata o 15, coa opción de poder anotarse na Praza da Granxa de Campelo na xornada do desfile, o domingo 19, no caso de participantes por parellas ou individuais

Desfile do Entroido de Poio Diego Torrado

A concelleira de Cultura do Concello de Poio, Raquel Rodríguez, informou de que o prazo de inscrición para poder participar no concurso do Desfile de Entroido 2023, que terá lugar o domingo 19 de febreiro, abrirase o día 6, permanecendo operativo ata o mércores 15. 

As persoas interesadas en tomar parte neste certame poderán anotarse tanto en categoría adulta (para maiores de 15 anos) como infantil (ata 14 anos), nas que figuran as subcategorías de Individual, Parellas e Grupos. Ademais, tamén haberá premios especiais para Choqueiros e Animación.

Un dos grandes alicientes será o incremento dos premios en metálico. Raquel Rodríguez sinala que a contía total ascende a máis de 6.500 euros, o que supón un aumento de máis do 40% con respecto a 2020, na que foi na última edición que se puido celebrar antes da chegada da COVID-19.

As solicitudes de inscrición de grupos deberán realizarse a través da Sede Electrónica do Concello, mentres que individuais e parellas poderán facelo tamén a través desta ferramenta telemática ou presentando a documentación no Rexistro Xeral, en horario de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres. Nestes dous últimos casos, existe a opción de anotarse na Praza da Granxa o propio día do desfile, entre as 15.30 e as 16.00 horas.