O Concello ve nos Orzamentos 2016 da Xunta "un insulto" aos veciños e o PP "compromisos cumplidos"

Pontevedra
21 de outubro 2015

Os Orzamentos 2016 da Xunta de Galicia destinan 26.000 euros ao proxecto de construción dun hospital en Monte Carrasco. Para Raimundo González é o "recoñecemento" de que "evidentemente a Xunta non ten ningunha intención de facelo" mentres que Moreira xustifica que  "no tiene sentido que tenga más fondos si no se va a hacer porque el Concello de Pontevedra lo va a boicotear"

Deseño do Edificio Xudicial da Parda Mónica Patxot

Os Orzamentos 2016 da Xunta de Galicia contemplan para Pontevedra dúas inversións centrais, uns cinco millóns de euros para iniciar a construción do edificio xudicial da Parda e dous millóns para ampliar a estación depuradora de Lourizán. Esta dotación espertou este mércores reacciones completamente opostas no Goberno local (BNG) e o partido líder da oposición (PP). Mentres o portavoz municipal, Raimundo González, considera que constitúen "un auténtico insulto" para os veciños, o portavoz do PP, Jacobo Moreira, di que son "compromisos cumpridos" do Goberno autonómico coa capital. 

Raimundo González interpreta que "se ve claramente que para a Xunta de Galicia Pontevedra non existe" e critica que as "demandas históricas" do Concello non teñen resposta por parte do Goberno autonómico do PP. Refírese, por exemplo, á Variante de Alba ou ao saneamento, dous proxectos que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pediu ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo na súa última reunión. 

En opinión de González, o investimento "hipotético" contemplado nas contas anuais da Xunta ascende a sete millóns de euros, pero, na práctica, é "ridícula" e confirma que Feijóo non recolleu os seus compromisos adquiridos con Lores. 

Jacobo Moreira fai unha interpretación moi diferente, pois entende que dá resposta a "los compromisos que se decía que no se iban a cumpir" e destaca, en particular, os cinco millóns destinados ao edificio xudicial da Parda, pois significa calar a "todos aquellos que decían que aquello del edificio judicial era una farsa". 

Tanto Moreira como González referíronse ao proxecto de construción dun hospital en Monte Carrasco, ao que os orzamentos para 2016 destinan 26.000 euros. Para o portavoz do Goberno local, é o "recoñecemento" de que "evidentemente a Xunta non ten ningunha intención de facelo" mentres que o líder do PP xustifica que non se destinan máis fondos a esa partida porque "la verdad es que no tiene sentido que tenga más fondos si no se va a hacer porque el Concello de Pontevedra lo va a boicotear".