O Concello ve "inservible" a decisión do Goberno de suspender a regra de gasto para o que queda do 2020

Pontevedra
15 de setembro 2020

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, considera que as medidas que aprobará o Goberno son unha resposta ao rexeitamento da incautación dos remanentes para evitar que as administracións locais os gasten

Raimundo González, concelleiro de Economía e Facenda Mónica Patxot

O concelleiro de Facenda do Concello de Pontevedra, Raimundo González, compareceu este martes en sala de prensa para realizar unha valoración da decisión do Goberno de suspender a regra de gasto dos concellos para o 2020 despois de que o Parlamento rexeitase o decreto para a entrega dos remanentes das coporaciones locais ao Goberno central. 

"É unha recitficación máis ficticia que real", comezou González a súa argumentación e considera a decisión do Goberno de Pedro Sánchez unha manobra para "non deixar que usemos os cartos do remanente". 

Este novo paquete de medidas inclúe a suspensión da regra de gasto para o 2020, prorrogar para o 2020 o uso do superávit de 2019 para financiar investimentos financeiramente sostibles e permitir concluír no 2021 os proxectos de investimentos financeiramente sostibles iniciados en 2019 e que se estean financiando con superávit do 2018.

"Vaise permitir incumprir a regra de gasto este ano, pero non vai dar tempo a adxudicar grandes proxectos máis aló da contratación de persoal", interpreta o concelleiro nacionalista, convencido de que o problema principal procede da Lei de Estabilidade Orzamentaria do ex ministro do PP, Cristóbal Montoro.

Detallou González que o teito de gasto para o Concello de Pontevedra sitúase ao redor dos 65 millóns. Mentres que o remanente do 2019 alcanzou os 19,6 millóns, dos que preto de 9 destínanse á reforma de Loureiro Crespo e 2,7 a unha modificación de crédito, polo que aínda teñen en caixa uns 7,7 millóns.