O Concello ve "imprescindible" actuar na rúa Alemaña pero se abre a cambios no proxecto

Pontevedra
09 de setembro 2021

A falta de consenso veciñal sobre as obras de humanización previstas no barrio de Monte Porreiro e, especialmente, sobre a pretendida peonalización da rúa Alemaña, levou ao goberno municipal a abrirse á posibilidade de realizar cambios neste proxecto

Demetrio Gómez, concelleiro de Obras Urbanas Mónica Patxot

A falta de consenso veciñal sobre as obras de humanización previstas no barrio de Monte Porreiro e, especialmente, sobre a pretendida peonalización da rúa Alemaña, levou ao goberno municipal a abrirse á posibilidade de realizar cambios neste proxecto.

Iso si, o edil de Obras, Demetrio Gómez, reitera que actuar na rúa Alemaña é "imprescindible" para reducir o tráfico na zona máis densamente poboada do barrio e onde están algúns dos seus principais equipamentos, entre eles o colexio e o instituto.

Os técnicos do Concello están a ultimar a redacción do proxecto que, segundo Gómez, estará terminado "nuns días". Será entón cando, a través de asembleas veciñais, se presente aos residentes para que poidan realizar as súas suxerencias.

Ademais, os responsables municipais valoran a posibilidade de expoñer o proxecto cunha exposición na rúa para que os detalles desta actuación poidan chegar a todos os residentes.

A maiores, o concelleiro nacionalista anunciou novas obras en Monte Porreiro onde, nas próximas semanas, actuarase para repoñer todo o firme da rúa Reino Unido.

Tamén se cambiará o asfaltado entre Cambria e Italia e pavimentarase un carril da rúa Portugal. A iso sumarase o pintado de viais ou a reparación de beirarrúas en Portugal e Italia.