O Concello ve "escandaloso" o novo proxecto de ENCE: "O edificio máis alto de Pontevedra construirase diante da ría"

Pontevedra
02 de maio 2024

Para o goberno municipal, a modificación do plan sectorial que Ence expuxo para o seu complexo industrial en Lourizán é "insólito" e "escandaloso". Así o denunciou este xoves a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, que censurou o respaldo da Xunta a este proxecto

Ence Mónica Patxot

Para o goberno municipal, a modificación do plan sectorial que Ence expuxo para o seu complexo industrial en Lourizán é "insólito" e "escandaloso". Así o denunciou este xoves a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, que censurou o respaldo da Xunta a este proxecto.

Vilaverde cualificou como "inaudito" que a administración autonómica sexa "extremadamente estrita" con particulares e con pequenas empresas e, ao mesmo tempo, "élle sumamente doado darlle para diante e admitirlle calquera ocorrencia a Ence".

"Sáltanse á toureira calquera principio e normativa, mesmo a propia, xa que nin lle aplican os principios de ordenación do litoral", lamentou a edil do BNG, que detallou o informe emitido polos técnicos municipais, que rexeitan a modificación presentada pola compañía.

Este informe, segundo a tenente de alcalde, é "moi contundente" en contra desta modificación, recollendo todas as observacións previas, "que están todas vixentes", e incorporando outras novas, por mor da información que se puxo ao dispor do Concello durante este proceso.

O novo proxecto de Ence para Lourizán, denunciou a representante municipal, supoñería duplicar a ocupación actual dos terreos e levantar edificios e torres "que van ata os 70 metros de altura", que superarían aos edificios de vivendas máis altos da cidade de Pontevedra. 

Así, Vilaverde explicou que o proxecto recolle unha nova linea de astillado de 30 metros de alto, novos dixestores de 25 metros, tanques de lixivia de 20 metros, reactores de peróxido de 45 metros ou torres de ata 70 metros, "polo que falamos dun edificio de 20 andares".

"De seguir adiante este proxecto veriamos que o edificio máis alto de Pontevedra se constrúe diante da ría, incumprindo calquera tipo de integración paisaxística, norma de Costas ou esixencia de criterios e principios", sentenciou a concelleira nacionalista.

A todo iso sumou os problemas que causaría na captación de auga, xa que segundo Eva Vilaverde ampliaríase aínda máis "nun momento totalmente delicado logo dos períodos de seca que vivimos", o que ao seu xuízo podería comprometer o abastecemento aos concellos da ría.