O Concello só acepta que Costas 'indulte' ao colexio Sagrado Corazón de Praceres

Pontevedra
16 de setembro 2019

Costas ten entre mans seis procedementos de organismos públicos e empresas privadas que solicitaron seguir ocupando terreos de dominio público marítimo terrestre, unha vez que caducaron as súas respectivas concesións. Pero o Concello ten claro que, na maior parte dos casos, esta continuidade non está xustificada

Colexio Sagrado Corazón dos Praceres Mónica Patxot

Costas ten entre mans seis procedementos de organismos públicos e empresas privadas que solicitaron seguir ocupando terreos de dominio público marítimo terrestre, unha vez que caducaron as súas respectivas concesións. Pero o Concello ten claro que, na maior parte dos casos, esta continuidade non está xustificada.

Dous destes expedientes, o de ENCE e o da compañía Itaipu-Trade (Pontesa), xa están pechados e a súa prórroga xa está concedida. Nestes dous casos, ao goberno municipal só lle queda a vía xudicial. Xa o fixo contra a pasteira, cuxo futuro determinará a Audiencia Nacional, e nuns días presentará contencioso administrativo polos terreos de Pontesa.

Respecto dos catro outros casos, Costas outorgou un prazo de quince días ao Concello para que, como parte interesada, presente os informes pertinentes.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que o Concello só apoiará a petición do colexio Sagrado Corazón de Praceres, ao entender que a súa actividade non supón prexuízo algún para a cidadanía e que, por tanto, débese autorizar a súa continuidade.

Caso contrario pasa cos outros tres expedientes. Por unha banda, Repsol solicita unha prórroga para manter a gasolineira do Burgo, espazo que o goberno municipal desexa recuperar para integrar no ámbito peonil da ponte.

Pontevedra debería recuperar para uso e goce de todos os pontevedreses, segundo Gulías, outros dous espazos: o que ocupa o transformador de Fenosa enfronte do pavillón e os terreos do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial, servizos que a Deputación ten activos nas inmediacións da Xunqueira de Alba.

Contra estes tres casos os servizos xurídicos do Concello presentarán respectivos informes que avalarían un posible rexeitamento por parte de Costas ás peticións formuladas polos interesados.