O Concello, satisfeito de que a Xunta "levantase o veto" investidor en Pontevedra

Pontevedra
21 de outubro 2017

Para César Mosquera os orzamentos autonómicos para 2018 reflicten que "parece que pasaou esa época terrible", de case 9 anos sen investimento da Xunta na capital provincial. A pesar diso lamenta que as partidas incluídas se refiran a proxectos que "son do ano 2015 ou anteriores"  

Rolda de prensa de César Mosquera no Concello de Pontevedra PontevedraViva

O proxecto de orzamentos presentado pola Xunta de Galicia para o ano 2018 deixou relativamente satisfeito ao Concello de Pontevedra. Nel inclúense partidas para Montecelo (4,8 millóns), os xulgados da Parda (8,5 millóns), a antiga sede autonómica en Benito Corbal (3,8 millóns), a reforma da ponte da Barca (1,3 millóns), a variante de Alba (250.000 euros), o pavillón da Parda (500.000 euros) ou a estación intermodal (800.000 euros).

"Parece que pasou esa época terrible", asegura César Mosquera, de 9 anos nos que a administración autonómica "tiña a decisión de non facer practicamente nada en Pontevedra".

Durante esa atapa, quéixase o concelleiro, "mesmo restaban", explica en alusión a proxectos como o saneamento do Gafos ou a construción da ponte das Correntes que se acometeron sen a axuda esperada de goberno galego.

"Temos que congratularnos que pasase ese veto", sinala Mosquera, que con todo pon como punto negativo que os grandes investimentos previstos acométense para retomar proxectos "que algúns son de 2005 ou anteriores como Montecelo ou a variante de Alba".

Non supón en todo caso unha sorpresa para o Concello de Pontevedra, xa que estes investimentos foron adiantados na reunión mantida entre o alcalde, Miguel Anxo Fernádez Lores, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo tras as últimas eleccións.

Agora toca "agardar que se poida executar e poder empezar a traballar en novos proxectos", declarou César Mosquera. 

En todo caso, entre os asuntos pendentes e que espera se retomen en próximos orzamentos, o edil pontevedrés sinalou o compromiso de facer un novo edificio para o Carlos Oroza ou un colexio en Valdecorvos. Tamén acometer a construción dun novo viario no Vao que "non é unha obra especialmente cara" pero que segundo Mosquera tería un impacto moi positivo e resolvería moitos dos problemas de tráfico na zona.