O Concello saca a licitación a mellora da primeira travesía da Seara

Poio
24 de marzo 2021

A concelleira de Obras e Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, sinala que estas obras complementan ao proxecto principal no núcleo da Seara, que foi recentemente licitado a Marconsa por 290.000 euros, logo do cese de actividade de Nexia

Primeira Travesía da Seara Concello de Poio

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este martes 23 a licitación para acometer un proxecto que servirá para completar a actuación que o Concello de Poio está a levar a cabo no núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán.

Neste caso, trátase dunha obra que se centrará na posta a punto da Primeira Travesía, que enlaza o centro do lugar coa PO-308. A concelleira de Obras e Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, explica que o orzamento destinado a estes traballos ascenderá a un total de 170.243 IVE engadido.

A actuación será financiada a través do Plan Concellos 2021, impulsado pola Deputación de Pontevedra.

Besada sinala que, unha vez que o proxecto xa recibiu o visto bo da Comisión de Urbanismo e da Xunta de Goberno Local, deberá obter a aprobación da institución provincial. Unha vez que se confirme que se poderán utilizar eses fondos provinciais para esta obra, será o momento de iniciar o proceso de licitación. "Confiamos en que os traballos xa poidan estar en marcha a finais do verán", estima a concelleira do PSdeG-PSOE.

Con respecto aos detalles das tarefas, Chelo Besada asevera que o proxecto ten en conta a dotación de numerosos servizos, como saneamento, separación de pluviais e abastecemento.

Ademais, unha vez que a obra sea adxudicada tamén se procederá a soterrar o tendido eléctrico e, a maiores, dotarase de canalización para telecomunicacións. Por último, procederase á substitución do firme actual por un empedrado, de xeito que se "adapte perfectamente á contorna e á singularidade deste núcleo, no que se emprazan varias vivendas tradicionais", lembra a tenente de alcalde de Poio.

Este proxecto ten coma obxectivo ampliar as melloras que xa veñen contempladas na actuación integral da mobilidade e da seguridade viaria na Seara, adxudicada recentemente á empresa Marconsa. O orzamento desta obra é de case 290.000 euros.