O Concello responde á Xunta: paga a factura da luz da ponte da Barca, pero non cambia as luminarias

Pontevedra
11 de xaneiro 2018

Lores responde á Xunta que "hai certas cuestións que non teñen discusión", pois o Concello, por norma, xa paga o consumo de toda a iluminación pública no municipio, pero "o que non cambiamos é luminaria", a pesar de que a Xunta insiste en que os gobernos de Pontevedra e Poio deben repoñer as luces rotas

Ponte da Barca sen luz PontevedraViva

O Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia seguen sen chegar a un entendemento en relación coa ponte da Barca. Un día despois de que a Consellería de Infraestruturas anunciara o envío dunha carta aos gobernos locais de Pontevedra e Poio para lembrar que son os concellos os encargados do mantemento da iluminación eléctrica, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, respondeulle que a administración municpal xa asume o pago da factura eléctrica, pero non lle corresponde cambiar as luminarias. 

O desencontro entre ambas as institucións chega despois de que os veciños mostrasen o seu malestar pola falta de luz e outras carencias da ponte. A preguntas dos medios de comunicación este xoves, Lores respondeu que a tarefa do Concello non é "resolver esas cousas".

O alcalde indicou que analizarán o contido da carta con calma e responderán, pero, en todo caso, "hai certas cuestións que non teñen discusión", pois o Concello, por norma, xa paga o consumo de toda a iluminación pública no municipio, pero "o que non cambiamos é luminaria", senón que cando se fai unha obra nunha vía que non é competencia municipal, a administración competente encárgase dese mantemento.

"Iso depende da administración competente, en todo caso, que se arregle por outra vía", indicou Lores, que se pregunta, ademais, como se faría ese cambio das luces que non funcionan, cales paga Pontevedra e cales o veciño municipio de Poio. 

De todos os xeitos, Lores considera que "é un debate que non é o transcendente" unha vez que a Xunta xa anunciou que está a preparar o proxecto de reforma da ponte co obxectivo de acometer a obra en breve prazo de tempo. Esa actuación permitiría mellorar a seguridade viaria e, na súa opinión, " non ten sentido" cambiar as luces cando xa se vai a reforma toda a ponte.