A Concellería de Benestar Social renovou a súa colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (Afapo) e con Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII), despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase este luns os convenios correspondentes.
Deste xeito, o Concello de Pontevedra, que mantén este acordo con Afapo desde o 2018, destinará unha achega económica de 6.000 euros ao financiamento deste programa de atención denominado 'Creando e Activándote', o seu programa de apoio ás persoas con Alzhéimer no ano 2021.
O tenente de alcalde, Tino Fernández, explica que o proxecto de intervención integral de Afapo "contempla a impartición de talleres de prevención do Alzhéimer e outras demencias ás persoas con estas doenzas" e a realización de "actividades destinadas a mellorar ou, no seu caso, manter, o nivel psicofísico dos afectados por esta enfermidade".
Baixo o programa 'Creando e Activándote' desenvolverase unha metodoloxía de traballo mediante arteterapia e estimulación cognitiva das persoas que se atopan nun nivel de doenza leve ou leve-moderado, en grupos de 15 persoas.
Afapo comprométese a colaborar co Servizo de Benestar Social no desenvolvemento do seu programa, ao proporcionar apoio emocional aos familiares dos asistentes aos obradoiros, impartindo coñecementos prácticos en relación á atención e coidados dos enfermos con esta doenza.
Asemade, Afapo tamén se compromete a aceptar aos beneficiarios (enfermos e familiares) que sexan derivados por Benestar Social, a prestar o servizo de xeito gratuíto para os usuarios do Concello de Pontevedra e a que as actividades sexan impartidas por técnicos especialistas na materia. Para levar a cabo este programa, o colectivo dispón dun centro terapéutico situado na rúa da Curtidoira, psicóloga, traballadora social, terapeuta ocupacional e auxiliares de enfermería.
ASEEI
A colaboración con ASSEII axudará na financiación do seu programa de actividades sociais do ano 2021, cunha achega económica de 4.000 euros. O acordo (cuxa formalización se iniciou nos anos 2018 e 2019) ten por obxecto o apoio ás accións que ASSEII desenvolve en favor das persoas ostomizadas e para concienciar á sociedade das dificultades coas que se atopan quenes padecen dita doenza, incluíndo a necesidade de aseos públicos adaptados para persoas ostomizadas, voluntariado e atención do espazo sanitario asociativo Hospital Montecelo e distintos proxectos.
Segundo sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Saúde, Tino Fernández, esta liña de subvención con ASSEII pretende "concienciar á sociedade en xeral da discapacidade invisible deste colectivo de persoas, así como das súas limitacións para o desenvolvemento da súa vida cotiá; canalizar as demandas deste colectivo e a prestación de axuda psicolóxica, e fomentar o desenvolvemento dun conxunto de actividades vencelladas ao lecer inclusivo".