O Concello reforza o plantel municipal con 83 novos traballadores

Pontevedra
31 de maio 2021

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, destacou que se trata un incremento "histórico" do persoal co que o executivo pretende garantir un " mellor servizo" aos cidadáns en todas as áreas de xestión que dependen do Concello

Oficinas do Concello de Pontevedra en Michelena 30 Mónica Patxot

Un total de 83 persoas -56 xa incorporadas e 27 que sairán dos procesos selectivos en marcha- sumaranse ao longo deste ano ao persoal de traballadores do Concello de Pontevedra. Son as prazas previstas na oferta pública de emprego correspondente a 2020.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, destacou que se trata un incremento "histórico" do persoal co que o executivo pretende garantir un " mellor servizo" aos cidadáns en todas as áreas de xestión que dependen do Concello.

En concreto, das 56 persoas que xa están a traballar no Concello, 30 son funcionarios de carreira, mentres que os 26 restantes son interinos, contratados para xestionar programas temporais, cubrir baixas ou reforzar algúns servizos.

Os outros 27 traballadores que, segundo a previsión do goberno municipal, se incorporarán "antes de final de ano" sairán dos procesos selectivos en marcha que, explicou Gulías, atópanse actualmente en "diferentes fases" de tramitación.

A todos eles súmanse as outras 29 persoas, entre eles doce policías locais, que xa se sumaron ao persoal municipal a través da OPE de 2019.

O Concello enmarca todas estas incorporacións no seu obxectivo para modernizar a administración e darlle un "impulso" á xestión municipal.

Neste momento, o plantel municipal sitúase en 525 prazas.