O Concello recorre a "vías excepcionais" para salvar os proxectos da Santiña e de cámaras de tráfico

Pontevedra
18 de xaneiro 2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo balance este xoves da situación actual de tramitación dos proxectos financiados no municipio con cargos europeos a raíz da "parálise" de investimentos derivada da non aprobación dos orzamentos municipais para 2024

Rúa Santiña PontevedraViva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo balance este xoves da situación actual de tramitación dos proxectos financiados no municipio con cargos europeos a raíz da "parálise" de investimentos derivada da non aprobación dos orzamentos municipais para 2024. 

A situación, analizada durante a celebración da Xunta de Goberno local deste xoves, xera preocupación no Executivo, pois chegaron á conclusión de que "todos os fondos europeos están afectados dunha maneira ou doutra"

Nalgúns casos, o Goberno local tenta salvar a situación empregando "vías excepcionais". É o caso da rehabilitación integral da Rúa Santiña e a instalación de cámaras de tráfico para controlar as Zonas de Baixas Emisións (ZBE). Para sacar adiante estes proxectos, vaise poñer en marcha unha xeración de crédito de 756.000 euros.

Estes proxectos da Santiña e das cámaras de ZBE son "os menos afectados" pola parálise porque xa están contratados e adxudicados neste intre, pero si que van sufrir unha demora de dous ou tres meses. Para evitar esa demora e que as obras poidan empezar canto antes, "en marzo  poder ser", optouse por esta xeración de crédito.

Os fondos PIREP, concedidos para a recuperación do antigo conservatorio e o edificio municipal de Churruchaos tamén están en risco. Neste caso, existe xa proxecto, pero "non se pode adxudicar ata que teñamos novos orzamentos", explicou o alcalde, que lembrou que a obra debería comezar en setembro e os prazos van xustos. 

Outro proxecto afectado é a actuación no río dos Gafos con cargo aos fondos Fundación Biodiversidade, incluído o destape do tramo urbano. Esta iniciativa ascende a 4 millóns de euros, dos que 3,2 son unha subvención e o resto corresponde cunha achega municipal.

Neste caso, tamén buscarán "vías excepcionais" para esta achega municipal, pois a falta de orzamento implica "un atraso" e hai que buscar unha solución para poder iniciar a licitación da elaboración do proxecto. Tamén debería estar licitado antes de setembro. 

O último proxecto que mencionou Lores na súa análise é o relativo ao BIC do Lérez, unha actuación prevista para os Salóns do Lérez e a zona de Aceñas. Neste caso, o Concello está pendente de que a Xunta de Galicia aumente o prazo de execución para poder elaborar o proxecto.

"Neste momento, non temos proxecto nin posibilidade de contratalo", explicou o alcalde, para engadir que hai que presentar á Xunta o proxecto e tamén certificar que están en disposición de ceder os terreos, pero nestes momentos non poden facer unha cousa nin a outra.

Lores lamentou a ausencia de distintos contratos na Xunta de Goberno Local pola non aprobación dos orzamentos. Así, destaca que na sesión deste xoves tería que aprobarse un estudo de situación da vivenda en Pontevedra ao que se comprometeran e tamén un contrato para o estudo de estruturas municipais e a modificación do contrato da Casa Consistorial, pero todas estas accións foron paralizadas.