O Concello quere demostrar a titularidade pública da casa barroca do Ateneo de Combarro

Poio
15 de xuño 2022

O concelleiro de Patrimonio, Xulio Barreiro, sinala que nos últimos testamentos asinados pola presunta propietaria, o último dos cales data de mediados da década dos 90, non se recollen propiedades de inmobles en Combarro

Casa do Ateneo, en Combarro PontevedraViva

O Salón de Plenos do Concello acolleu este martes unha reunión convocada polo concelleiro de Patrimonio, Xulio Barreiro, para dar conta das xestións realizadas por parte da Administración local á hora de clarificar a titularidade da coñecida como Casa Barroca do Ateneo, un dos emblemas do casco histórico de Combarro. 

No encontro participaron representantes do Goberno municipal, así como de responsables de agrupacións do tecido social e cultural de Combarro. 

Tal e como detallou Barreiro Lubián, "desde o Concello levamos tempo traballando para reunir toda a documentación necesaria para demostrar a titularidade pública destas dependencias". Así, desde a Concellería de Patrimonio estableceuse contacto cun bufete xurídico de Uruguay, a través do cal se acadaron os testamentos elaborados pola presunta propietaria do inmoble, falecida no país suramericano no ano 2000. 

"En ningún destes documentos, incluíndo o último que se redactou, a mediados da década dos 90, constan propiedades desta persoa en Combarro", apunta o concelleiro responsable desta área.

Así se lle transmitiu aos representantes dos colectivos que tomaron parte na reunión informativa deste martes. Ademais, Xulio Barreiro tamén confirma que o seguinte paso por parte de Concello será reclamar ao Goberno central que tome posesión da Casa Barroca, unha petición que se formulará a través dunha moción conxunta que "temos a intención de presentar no vindeiro Pleno ordinario", apunta. 

O concelleiro de Patrimonio lembra que, a pesar de que a principios de 2021 un particular se identificou como suposto propietario do inmoble, o que provocou o seu cambio de titularidade no Catastro, "nós sempre defendemos que o único uso que se lle pode dar a estas dependencias son de carácter expresamente sociocultural", tal e como se establece no Plan Especial de Protección de Combarro, aprobado en 2001, e que "constata que o Ateneo só se pode utilizar para fins de carácter social ou cultural". 

O documento, que define os usos de todos os inmobles e equipamentos do casco histórico, descarta estas dependencias situadas na Rúa Rambla poidan ser acondicionadas como vivenda ou para desenvolver outro tipo de actividades comerciais ou de hostalería.

O concelleiro de Patrimonio recalca que "continuaremos traballando para garantir que o tecido colectivo de Combarro poida continuar facendo uso do Ateneo para dinamizar a actividade cultural na parroquia, tal e como se viña facendo desde hai décadas".