O Concello prevé terminar en marzo a reforma da segunda planta do seu edificio administrativo

Pontevedra
03 de xaneiro 2021

A administración local e a Deputación veñen de asinar unha addenda ao convenio que financia o proxecto de reforma da segunda planta do edificio administrativo do Concello en Michelena 30, que amplía a súa vixencia até o 31 de decembro de 2021

Obras de reforma na segunda planta do edificio municipal de Michelena 30 Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra e a Deputación veñen de asinar unha addenda ao convenio que financia o proxecto de reforma da segunda planta do edificio administrativo municipal en Michelena 30, ampliando a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2021.

O convenio inicial fixaba o final da reforma en decembro de 2020, renovando a planta cero do inmoble (Rexistro e Padrón municipal) e tamén a segunda planta, onde se atopa o servizo de Intervención.

Estas últimas obras iniciáronse a mediados de decembro, tendo previsto a súa finalización segundo o goberno local na contorna do mes de marzo.

Os proxectos executados na primeira e na segunda planta pretenden adecuar os espazos necesarios á normativa de seguridade tras a crise sanitaria, permitindo manter fluxos de circulación seguros e distancias de seguridade tanto para traballadores como para o público.

Pola súa banda a reforma da segunda planta permitirá reestruturar os espazos para o Servizo de Intervención e contar cunha sala de reunións o suficientemente ampla para atender futuras eventualidades. O orzamento destes traballos ascende a 256.450,18 euros cun prazo de execución de 2 meses.