O Concello presume en Rubí da limpeza do aire de Pontevedra

Pontevedra
24 de novembro 2017

A tenente de alcalde e concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, defendeu no congreso polo cambio enerxético o modelo de cidade coa redución das emisións de carbono e o aforro en combustible

Participación de Carme da Silva no Congreso polo cambio enerxético

En Rubí desenvólvese o cuarto congreso polo cambio enerxético no que a tenente de alcalde e concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, interveu este venres para ofrecer o modelo da cidade de Pontevedra como exemplo de cambio do uso enerxético.

Pontevedra está convidada neste congreso xunto ao concello de Barcelona, a Generalitat, a Cámara de Comercio de Barcelona e o Instituto de Saúde Global da cidade condal para mostrar a súa proposta de planificación da mobilidade urbana nas cidades.

Carme da Silva explicou durante o acto que o municipio reduciu as emisións de carbono, cumprindo todos os días do ano os parámetros de limpeza do aire que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) e, ao mesmo tempo, de aforro de combustible.

Da Silva sinalou que non é viable seguir consumindo as inxentes cantidades de combustible que se están utilizando nas cidades e é necesario reducir o tráfico e ese consumo de enerxía.