O Concello presenta o proxecto de acondicionamento paisaxístico da Carballeira de San Xusto

Cerdedo-Cotobade
14 de maio 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade estivo acompañado no acto polo xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, e a arquitecta paisaxística Cristina García

Presentación do proxecto de acondicionamento paisaxístico do entorno e accesos da Carballeira de San Xusto Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado polo xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, e a arquitecta paisaxística Cristina García, presentou ante os veciños as obras de humanización e posta en valor do entorno e acceso da Carballeira de San Xusto no que serán investidos 296.195 euros ao estar incluído dentro do Pacto pola Paisaxe, primeiro que se asina en Galicia e que ten como protagonistas ás zonas próximas aos meandros do río Lérez.

As obras serán licitadas de xeito inminente e do total do custe, a Xunta asume o 70% mentras que o Concello de Cerdedo-Cotobade farase cargo de aportar o outro 30% restante co fin de que se poida levar a cabo do mellor maneira posible esta actuación que mellorará substancialmente o uso e a seguridade na zona ao tempo que se recupera o concepto de unidade que sempre tivo e volverá a ter.

Jorge Cubela comezou a súa alocución agradecendo a presenza dos veciños e salientando a importancia que a colaboración da Comunidade de Montes ten neste proxecto medioambiental que pretende converter este entorno nun punto de atracción turística no que converxen a beleza dos meandros do río Lérez, os Baños do San Xusto, a capela, a Carballeira e as distintas estacións de arte rupestre compostas polos petróglifos.

A actuación levarase a cabo en terreos de propiedade municipal e pretende suavizar o impacto da estrada e do pavimento sobre o entorno natural favorecendo os accesos a todo este espazo de uso e convivencia veciñal e familiar dun xeito continuo e seguro. 

"Queremos dignificar a entrada e facer un espazo continuo recuperar a unidade que representaba a fonte, a capela e a propia carballeira ao tempo que facemos un merendeiro, miradoiros sobre os meandros do río Lérez ao tempo que reinterpretamos todo de novo coa colocación dun adoquinado e pedra que lle dará unha continuidade da que agora adolece", indicou Cubela.

Pola súa banda, a arquitecta paisaxística Cristina García puxo en valor a importancia da obra a acometer e sinalou que será totalmente respectuosa co entorno e co concepto definitorio do lugar así incorporaranse novas árbores que serán frondosas autóctonas, levaranse a cabo labores de roza para despexar a vista de especies invasoras e pirófitas e se acometerá a realización dun pequeño murete de pedra arredor da capela que servirá tamén de banco para uso da xente. 

Salientou a importancia de dotar dun merendeiro e miradoiros para poder contemplar os meandros do río Lérez así como a dotación de iluminación led acorde co patrimonio así como a instalación de mesas e bancos.