O Concello presenta alegacións á prórroga de Ence, logo de personarse no expediente

Pontevedra
30 de decembro 2015

O Concello de Pontevedra celebrou este mércores unha Xunta de Goberno Local para aprobar a presentación das alegacións á prórroga extraordinaria solicitada por Ence

Interior da fábrica de Ence en Pontevedra Juan Mejuto

O Concello de Pontevedra celebrou este mércores unha Xunta de Goberno Local para aprobar a presentación das alegacións á prórroga extraordinaria solicitada por Ence.

O Concello de Pontevedra solicitara ante o Ministerio de Medio Ambiente personarse no expediente de prórroga solicitado por Ence, que foi aceptado e lle deron audiencia hai uns días.

Neste escrito, o Concello pide unha copia íntegra do expediente de solicitude de prórroga, dado que só está en Madrid, ou ben que o trasladen a Pontevedra para poder consultalo.

Por outro lado, xa presenta unha primeira batería de alegacións sobre esta prórroga, baseadas sobre todo na caducidade da concesión. O Concello sostén que a concesión está "caducada" –a decisión do Ministerio está recurrida nos tribunais- e polo tanto é "inviable" concederlle a prórroga.