O Concello pon en marcha medidas para que o 2025 sexa "o ano da reciclaxe en Pontevedra"

Pontevedra
17 de setembro 2024

O Concello de Pontevedra ten en marcha a contratación dunha asistencia técnica para recoller toda a información para unha "cuantificación realista" da situación do tratamento dos residuos no municipio

César Mosquera Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra ten en marcha a contratación dunha asistencia técnica para recoller toda a información para unha "cuantificación realista" da situación do tratamento dos residuos no municipio. 

Para poder cumprir cos obxectivos que fixa a lei, o Concello necesita identificar con exactitude que tipos de residuos prodúcense e a cantidade para así poder saber que medidas hai que aplicar para reducir a produción ou as accións para seguir para a valorización, reciclado ou reutilización dese lixo.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, informou desta nova liña de traballo municipal para 2025 para a que xa se habilitou unha partida de cen mil euros para contratar esta asistencia técnica por catro anos que, entre os seus obxectivos, terá que recabar información sobre os residuos que se están xerando no comercio e a hostalería do municipio.

Mosquera está convencido de que "seguramente Pontevedra está a reciclar bastante máis do que se ten constancia" e puxo como exemplo que moitos restaurantes da cidade teñen contratos con xestores autorizados fóra do sistema municipal para recoller os aceites usados, unha medida da que o Concello non ten constancia oficial e que incrementaría os niveis de reciclaxe do municipio do mesmo xeito que tampouco se coñece cantos alimentos doan os supermercados para comedores ou entidades sociais. 

A asistencia técnica que contrate o Concello terá como cometido ir polos establecementos para recoller datos do que producen á vez que informan sobre a nova ordenanza de residuos.

O concelleiro de Infraestruturas explicou que esta iniciativa forma parte da tramitación da futura ordenanza que "está moi avanzada" e afronta xa o final do proceso de tramitación e posiblemente vaia ao pleno do próximo mes de outubro. Existen tamén traballos previos para a ordenanza económica obrigatoria, ao igual que o despregue da rede de residuos orgánicos, sendo a Boa Vila un dos poucos municipios que conta con ela. "Temos que poñernos as pilas para poder cumprir a acumulación de obxectivos do 2020 e chegar aos do 2025", indicou.

Ademais, o Concello ten en marcha a implantación dunha inspección sistemática para verificar que se están xestionando correctamente os residuos, especialmente no caso dos chamados "grandes produtores" tales como hoteis, hospitais, restaurantes, colexios e centros comerciais.  

"O 2025 vai ser o ano da reciclaxe en Pontevedra", proclamou César Mosquera respecto a as medidas previstas "para que a finais do 25 podamos dicir todos, con orgullo, que Pontevedra avanzou moitísimo, que coidamos o planeta".

"Está claro que cos residuos non podemos facer o que se vén facendo, e tampouco avanzar tan lentamente como se foi avanzando", explicou o concelleiro.