O Concello pide a transferencia dun tramo sen uso da PO-542 en Bora

Pontevedra
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xustificou esta solicitude baseándose en que este vial quedou sen uso, salvo de acceso ás casas, coa execución da actual intersección entre a estrada O Pino-Bora (PO-542) e a estrada nacional N-541

Tramo sen uso da PO-542 en Bora Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra solicitará á Xunta a transferencia da titularidade dun tramo da estrada PO-542 en Bora. A petición formalizouse este xoves na reunión da Xunta de Goberno.

Na posterior comparecencia, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores xustificou esta solicitude baseándose en queeste vial quedou sen uso, salvo de acceso ás casas, coa execución da actual intersección entre a estrada O Pino-Bora (PO-542) e a estrada nacional N-541. 

Trátase dun ramal de 535 metros de lonxitude dos cales 330 son de núcleo rural, "polo tanto, a petición que lle facemos á Xunta, por estar fóra de servizo, vai a facilitar o desenvolvemento da zona". 

Ademais, as afectacións que ten un vial autonómico son superiores e, neste caso, tampouco coinciden as aliñacións do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra. "Nos vai permitir que as afectacións que se podían facer teñan retranqueos que son inferiores aos que demanda a Xunta".

Ademais o goberno local ten previsto recuperar o antigo colexio de Pío Bora para facer un centro social para a parroquia de Bora.