O Concello non agardará polo 'destape' do Gafos e reabrirá o Paseo de Valle Inclán tras reforzar a súa seguridade

Pontevedra
18 de xullo 2023

"Non é normal que estea pechado dous anos pendentes dun proxecto que aínda non existe", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, en relación ao ansiado destape do Gafos polo que o Concello segue apostando pero ao seu debido tempo. Subliñou que "estou de acordo en que o ideal é destapar o río e así se fará", cando se defina o proxecto e existan fondos para executalo

Obras no Paseo de Valle Inclán Mónica Patxot

Dous anos leva pechado o Paseo de Valle Inclán, entre a rúa Xeneral Rubín e Campolongo. Problemas coa súa estrutura aconsellaron que, por seguridade e para evitar esborralles, se impedise o paso de peóns e ciclistas, os seus principais usuarios.

Pero a intención do goberno municipal é impulsar unha actuación "para que se poida utilizar o paseo tapado", segundo avanzou este martes o alcalde de Pontevedra.

Todo o tramo que está valado actualmente será reaberto ao público cando se complete unha actuación para reforzar a súa seguridade, substituíndo os valos "por planchas" e logrando que o paseo conte "con todas as garantías" e non venza a súa estrutura.

"Non é normal que estea pechado dous anos pendentes dun proxecto que aínda non existe", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, en relación ao ansiado destape do Gafos polo que o Concello segue apostando pero ao seu debido tempo.

Fernández Lores subliñou que "estou de acordo en que o ideal é destapar o río e así se fará", cando se defina o proxecto e existan fondos para executalo.

Pero mentres tanto, concluíu o alcalde, "non podemos ter vallado un paseo que utiliza tanta xente" en pleno centro da cidade.