O Concello nega "rotundamente" estar relacionado con enchufes nas contratacións de Cespa

Pontevedra
05 de outubro 2015

Todo parte dun informe elaborado pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) no que, citando un documento intervido na sede de Cespa durante a Operación Patos, evidenciaríanse diversas contratacións de traballadores que terían sido suxeridas por políticos e técnicos municipais. Entre os citados como 'mentores' destes enchufes están o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ou varios edís do grupo de goberno

Rexistros no marco da Operación Patos Mónica Patxot

O goberno municipal, a través do seu portavoz Raimundo González, negou "rotundamente" que os seus membros actuasen como 'mentores' para que amizades e familiares do alcalde e varios concelleiros fosen contratados pola empresa Cespa, compañía concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixos na cidade de Pontevedra desde o ano 1999.

Todo parte dun informe elaborado pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) no que, citando un documento intervido na sede de Cespa durante a Operación Patos, evidenciaríanse diversas contratacións de traballadores que terían sido suxeridas por políticos e técnicos municipais. Entre os citados como 'mentores' destes enchufes están o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ou varios edís do grupo de goberno. 

Os axentes conclúen que, en Pontevedra, constan como contratados unhas 14 persoas que, segundo o informe, serían enchufados non só por políticos senón tamén por diferentes técnicos municipais ou mesmo por un axente da Policía Local.

"Para o goberno municipal foi unha sorpresa que apareza o noso nome nesa relación", afirmou Raimundo González, que negou realizar calquera influencia nos procesos de contratación de Cespa en Pontevedra. De feito, no seu caso o seu nome aparece relacionado con catro persoas e a tres delas "non sei sequera se as coñezo" e a cuarta sería a filla dun curmán seu de cuxa contratación "entereime cando xa estaba traballando".

En todo caso, ante a aparición deste informe sobre estes supostos enchufes que remitiu a UDEF á xuíza instrutora da Operación Patos, o edil do BNG sinalou que "vamos indagar" na política de contratación que ten esta empresa porque afirmou que o Concello de Pontevedra está "sumamente interesado" en aclarar esta cuestión. Neste sentido, reiterou que "é bo que se investigue todo o que se teña que investigar".

Tras destacar que "ruxe ruxes hai moitos", non quixo menosprezar a investigación das autoridades porque "se o di a Policía, existirá ese listado", polo que insistiu en que con independencia que as actuacións a nivel xudicial -que no caso de Pontevedra aínda non pediron información algunha ao Concello- non teñan percorrido nos xulgados "queremos que se clarifique" porque no goberno municipal "non quero que se dean estas prácticas".