O Concello lamenta a "cruzada" do PP co compost e acúsaos de mentir para crear "alarma social"

Pontevedra
25 de outubro 2019

Quen recibira un módulo de compostaxe non está obrigado a tributalo. "É mentira", sinalou tallante o edil de Facenda, Raimundo González. Unha modificación legal aprobada polo Goberno de Rajoy, e aínda vixente, exime de responsabilidades fiscais aos beneficiarios

Raimundo González Mónica Patxot

Calquera persoa que recibise un módulo de compostaxe para a súa vivenda non está obrigada a tributalo. "É mentira", sinalou tallante o edil de Facenda, Raimundo González, que censurou a "cruzada" emprendida polo PP contra a reciclaxe de residuos orgánicos co "único obxectivo" de crear "alarma social" entre a cidadanía.

"Non sei que medo lle teñen á compostaxe", destacou González.

O argumento empregado polos populares "é falso", sinalan desde o goberno municipal. Foi o propio Partido Popular, nos orzamentos elaborados polo goberno de Mariano Rajoy para 2018 –aínda vixentes- o que modificou a lei de IRPF de forma que, calquera axuda inferior a 1.000 euros, non xera a obrigación de declarala.

A este respecto, Raimundo González explicou que o custo de cada composteiro, transporte e instalación incluída, é de 58 euros.

Pero a "cuestión de fondo", segundo o edil, é que nin sequera se trata dunha subvención senón que a efectos fiscais é unha "cesión de uso" como certifican todos os informes dos técnicos municipais que, doutra banda, tamén negan que haxa que tributar por eles.

Isto significa que a propiedade nunca é do cidadán senón do Concello que, neste caso, cédeo durante o tempo acordado, no marco das prestacións do sistema de recollida de lixos e limpeza que é competencia municipal.

"Pódese devolver ou pódese retirar se o beneficiario non fai un uso correcto", engadiu González que mesmo apuntou que en caso de inundación ou incendio os veciños teñen dereito a recibir outro no seu lugar.

A maiores, o edil asegurou que se fose unha doazón, como solicitaban os populares, "entón si que habería que tributar por eles", xa que a Xunta liquidaría un 7,65% do seu custo a cada persoa que recibira un.

En política, lamentou o concelleiro nacionalista, "non vale todo" e entende que persoas "que din estas cousas", en relación ao portavoz do PP, Rafa Domínguez, "non son dignos" de exercer o cargo de concelleiros porque tratan de "gañar posicións" falseando a realidade ou "dicindo o que faga falta". Para exercer un cargo público, dixo, "hai que ser rigoroso".

Tras estas declaracións, o portavoz do PP, Rafa Domínguez, sinalou que "me reafirmo" na súa denuncia e reitera que as subvencións en especies non están exentas do IRPF. "Isto xerará que máis dun veciño poida levar unha sorpresa", engadiu.

CONTRATOS

Ademais, o responsable de Facenda tamén garantiu que, a pesar das críticas do PP, "se lles facilita sempre toda a información" que solicitan, pero denunciou que en moitas ocasións piden "cousas abstractas" ou actuacións para as que, polo momento, non existe expediente municipal algún.

Para Raimundo González, "é dudoso" que os funcionarios "teñan que facer o traballo que teñen que facer eles", cando solicitan a facturación global dunha empresa concreta, porque os contratos "son públicos" e o único que deben facer é consultalos.