O Concello instalará catro novos composteiros comunitarios na Parda, Camiño de Ferro e Ponte Boleira

Pontevedra
27 de novembro 2018

As obras de construción empezarán este mércores e estímase que entre finais de decembro e principios de xaneiro estean en funcionamento

Composteiro comunitario situado en Eduardo Pondal PontevedraViva

A tenente de alcalde, Carme da Silva, anunciou este martes a instalación de catro novos centros de compostaxe comunitaria que se situarán na rúa dos Soutos, en Pintor Laxeiro, en Ponte Boleira e na rúa Camiño de Ferro.

As obras de construción empezarán este mércores e estímase que entre finais de decembro e principios de xaneiro estean en funcionamento.

O goberno local acordou esta iniciativa unha vez que se incorporaron os mestres composteiros contratados polo Concello, isto é unha técnica superior e tres técnicos auxiliares de residuos.

Os dous primeiros composteiros comunitarios que se abrirán serán os da zona da Parda e duplicarase a capacidade de Ponte Boleira "porque ten moitísima sobreaportación" xa que "vai máis xente da prevista inicialmente". Igualmente en Camiño de Ferro amplíase o compostador existente polo mesmo motivo.

Na actualidade hai instalados na cidade 13 centros de compostaxe comunitaria e con estes catro novos conseguiríase que 1.200 persoas máis se incorporen a este tratamento ecolóxico dos biorresiduos domésticos. Estaríanse a tratar 184 toneladas ao ano, unha cifra "conservadora".

"A experiencia indícanos que cada vez que se abre un centro de compostaxe comunitaria vai o dobre de xente da que está prevista inicialmente" polo que, segundo indicou Carme da Silva, o goberno local xa está a traballar na instalación de máis composteiros.